CRTVG

Buscar

O Goberno investigará a Iberdrola por baleirar encoros aproveitando o prezo da luz

Publicado o 13/08/2021 15:12

EFE

A vicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, Teresa Ribera, cualificou de "escandalosa" a situación que están a sufrir os encoros de Ricobayo (Zamora) e Valdecañas (Cáceres), ambos os xestionados por Iberdrola, ante a "drástica" redución das súas augas e asegurou que xa se está investigando á eléctrica, á que se remitiu unha carta "para dicirlle que isto non pode ser".

"Non é razoable baleirar en practicamente en 6 semanas un encoro como ocorreu en Zamora", denunciou a vicepresidenta terceira nunha entrevista no programa 'Al rojo vivo' da Sexta recollida por Europa Press. Ante isto, a ministra avanzou que se terá que aplicar o artigo 55 da Lei de augas, onde se prevé que por razóns extraordinarias se poidan introducir limitacións ao baleirado do caudal dos encoros.

Ribera explicou que esta situación ten que ver coas cláusulas concesionais, que probablemente non prevían unha intervención para garantir caudais ecolóxicos e mínimos nos encoros, senón un volume de auga concesionado ao ano.

"Por iso a empresa xustifica que están a cumprir con todos os requisitos e isto paréceme escandaloso", remarcou.

O seu departamento tamén explora a posibilidade de crear unha empresa pública de enerxía. Confirmouno esta mañá o ministro da Presidencia, que puntualizou que sería ao remate das concesións, xa que "a seguridade xurídica para o Goberno é moi importante", afirmou Félix Bolaños.

A proposta non gusta a Ciudadanosm, que a cualifica de "tolería" e "populista", en palabras de Begoña Villacís. Tampouco ao PP. Para o seu deputado Jaime de Olano é "un verdadeiro disparate que non vai solucionar este problema en absoluto".

Si contenta a Podemos, aínda que o socio minoritario recoñece que "hai diferenzas de velocidade", segundo o seu voceiro no Congreso. Nunha entrevista radiofónica, Pablo Echenique lanzaba outra proposta, a de establecer un prezo máximo para o megawatt que veña das hidroeléctricas. Na súa opinión, "poderíase facer isto mañá cun real decreto lei".

Pero a parte socialista do Goberno considera que este é "un problema complexo que non ten unha solución dun día para outro", en palabras do ministro da Presidencia, Félix Bolaños.

Sobre a luz tamén falou o presidente da Xunta. Alberto Núñez Feijóo di que o prezo da factura é "desorbitado" e insta o Goberno central a adoptar medidas urxentes ante un encarecemento que, di, está a afectar familias, autónomos e empresas. Asegura Feijóo que o 60 por cento do prezo da luz son impostos xestionados polo Goberno, e insta o executivo a aplicarlles unha rebaixa.

 

Noticias web

13/08/2021