CRTVG

Buscar

O Goberno expresa o seu respecto á decisión do rei e Pablo Iglesias cualifica de "indigna" a súa "fuxida"

Publicado o 04/08/2020 09:42

O Goberno expresou o seu respecto ao anuncio do rei Xoán Carlos de trasladarse fóra de España e subliñou o seu recoñecemento ao "sentido da exemplaridade e transparencia que sempre guiaron o rei Felipe VI" desde a súa chegada á xefatura do Estado.

Con esta mensaxe valoraron desde a Secretaría de Estado de Comunicación o anuncio da Casa do Rei, difundido este luns, de que o monarca emérito se trasladará a vivir fóra do país.

Don Xoán Carlos transmitiu a Filipe VI a súa "meditada decisión" de trasladarse a vivir fóra de España ante a repercusión pública de "certos acontecementos pasados" da súa vida privada, informou este luns o Palacio da Zarzuela nun comunicado.

O comunicado explica que don Xoán Carlos enviou ao seu fillo unha carta onde lle traslada esa decisión, que asegura que adopta "con profundo sentimento, pero con gran serenidade".

Felipe VI transmitiu ao seu pai "o seu sentido respecto e agradecemento ante a súa decisión".

Pablo Iglesias cualifica de "indigna" a "fuxida" de España do rei Xoán Carlos

O vicepresidente do Goberno, Pablo Iglesias, cualificou de "indigna" a "fuxida" ao estranxeiro do rei Xoán Carlos quen, na súa opinión, debería responder polos seus actos en España e "ante o seu pobo".

A decisión do rei de ir vivir fóra de España, anunciada este luns pola Casa Real, deixa a monarquía nunha posición moi comprometida, afirma Iglesias na súa conta de Twitter, onde engade que a España do século XXI xa non tolera a corrupción nin o privilexio.

"Calquera cidadán que cometa delitos debe dar a cara ante a xustiza", segundo o tamén líder de Podemos, quen subliña que a pretensión de impunidade por presuntos delitos graves "por parte nada menos que dun ex-xefe do Estado" produce un enorme dano á democracia.

Un Goberno democrático, agrega, "non pode mirar cara a outro lado nin moito menos xustificar ou saudar comportamentos que socavan a dignidade dunha institución crave como é a Xefatura do Estado e que son unha fraude á xustiza".