CRTVG

Buscar

O Goberno galego ve "preocupantes e decepcionantes" os orzamentos xerais do Estado

Publicado o 14/01/2019 20:53

O investimento do Estado en Galicia para este ano sitúase nos 757 millóns de euros. Estes presupostos supoñen para a Galicia a perda de 160 millóns de euros en investimentos. É unha baixada do 19% con respecto ao ano pasado.

Di Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta de Galicia, que estas cifras implican que hai unha serie de compromisos adquiridos que non se van cumprir.

"Móvennos a esa preocupación e esa decepción, sobre todo se o comparamos con outras comunidades, como Cataluña que vemos que sobe máis de catro puntos. Isto non é outra cousa que a peaxe que está pagando o Goberno socialista do Estado pola moción de censura".

Unha redución nos investimentos que afecta especialmente as infraestruturas, cun 18% menos de orzamento. As obras do AVE, xa na fase final, son a única infraestrutura con partidas para a súa finalización garantidas.

Segundo Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas: "En materia de estradas é especialmente preocupante porque hai unha baixada do 24 %. A autovía Santiago-Lugo, fundamental para o Xacobeo 21, baixa considerablemente, polo que é preocupante".

No que respecta ás infraestruturas hidráulicas, só se recolle unha partida de 65.000 euros.

Noticias web

14/01/2019