A Xunta busca mellorar a seguridade viaria co plan 'Visión cero'
No que vai de ano, faleceron na rede viaria galega 53 persoas, son 7 menos que no mesmo período do ano 2019. Os datos de sinistraliedade nas estradas melloran, pero aínda está lonxe do obxectivo "cero vítimas" do novo Plan de seguridade viaria de Galicia.
O Goberno galego prepara este novo plan pioneiro en España ao incorporar a "visión cero vítimas nas estradas". Recollerá estratexias de países referentes na materia, como Suecia, Países Baixos ou Alemaña. Incidirase en accións para colectivos como peóns, ciclistas ou transportistas, entre outros, e continuarase con intervencións nas estradas para reducir as consecuencia por saídas de vía.
Mañá comeza a segunda fase da campaña 'Mirar por min é mirar por todos, porque na estrada somos pezas fráxiles', que se centrará agora nos condutores para chamar a atención sobre as condicións do tempo co cambio de estación e a importancia de manter o vehículo a punto.