CRTVG

Buscar

O Goberno está confiado en chegar a acordo para prorrogar os ERTE antes do venres

Publicado o 25/05/2021 15:05

O Goberno aínda non chegou a acordo cos axentes sociais para prorrogar os ERTE que expiran xa o próximo luns. A principal discrepancia está nos cambios que quere introducir o ministro Escrivá, para incentivar a reincorporación dos traballadores. Sindicatos e patronal piden que se renoven tal e como están agora.

As negociacións van manterse nas próximas horas para tentar chegar a acordo. Non se descarta un consello de ministros extraordinario esta mesma semana, para que non quede en suspenso unha medida que afecta, actualmente, a máis de medio millón de traballadores.

A voceira do Goberno non contempla a posibilidade de que non haxa acordo no marco do diálogo social. "Creo que temos o adestramento, o coñecemento e a confianza mutua para poder conseguir este novo acordo antes da data de expiración dos vixentes, en todo caso, antes do próximo venres", afirmou María Jesús Montero na conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros.

Os actuais ERTE expiran o próximo luns, 31 de maio, e as negociacións para prorrogalos ata finais de setembro seguen estancadas. O ministro Escrivá quere modificar as exoneracións, para que os empresarios teñan que pagar máis á Seguridade Social polos empregados en ERTE que polos que se reincorporan ao traballo.

Actualmente, a rebaixa nas cotas é igual para todos. E así queren que sigan tanto os sindicatos como a patronal. "Non é o momento de retirar os poucos estímulos que ten a empresa para poder manter a súa actividade. Se xogamos cunhas regras, teñen que ser as mesmas regras para todos. Se é unha prórroga, deixémolo nunha prórroga", dixo Gerardo Cuerva, presidente de CEPYME 

A CEOE xa rexeitou a última oferta que enviou o Goberno esta mesma mañá."Agora que si unha porcentaxe ou outra...isto non é un mercado, isto é un tema moi serio. Prórroga nun partido de fútbol son vinte minutos máis coas mesmas regras e co mesmo balón", sinalou o presidente da CEOE, Antonio Garamendi. 

Tamén os sindicatos avogan por manter no verán as condicións actuais dos ERTE, agardando que no outono a economía se recupere. "Non hai ningunha razón para modificar a situación actual dos ERTE. Imos cara un proceso en que os ERTE son pasado, realmente o que queda é moi pouco", explicou Pepe Álvarez, secretario xeral da UXT

Segundo os últimos datos, 580.000 traballadores seguen en ERTE.

Noticias web

25/05/2021