CRTVG

Buscar

O Goberno entende que o pasaporte covid non pode instaurarse con cáracter xeral

Publicado o 15/09/2021 20:19
EFE

A ministra de Sanidade Carolina Darias considerou que a obrigación de presentar o pasaporte covid para a entrada en establecementos públicos non pode establecerse de forma xeral senón en zonas limitadas cun risco alto de contaxio e por un tempo determinado, segundo ditaminou o Supremo.

Así o expuxo Darias ao ser preguntada sobre esta posibilidade na conferencia de prensa posterior á reunión do Consello Interterritorial, na que recoñeceu que houbo comunidades autónomas que o pediron, e que lles contestou de igual forma, aténdose ás decisións do Supremo Aínda que incidiu en que aínda hai que estudar con maior detalle a última sentenza da sección cuarta do Contencioso do Tribunal Supremo, que deu o visto e prace á decisión da Xunta de Galicia de pedir o pasaporte covid para o acceso a locais de lecer.

Tras lembrar que esta mesma Sala rexeitou previamente a adopción desta medida como pretendía o goberno andaluz, a ministra explicou que o que estableceu o Supremo é que a obrigación do pasaporte covid só pode adoptarse nunha zona determinada cando exista un risco alto de contaxio e por un período de tempo limitado, o que coincidía co adoptado en Galicia, mentres que Andalucía pretendeu aplicala de modo xeral a toda a poboación. Engadiu ademais que o Supremo volveu a reiterar que se trata dunha medida que afecta a dereitos fundamentais e por tanto ten que ser ratificada pola autoridade xudicial.

Noticias web

15/09/2021