CRTVG

Buscar

O Goberno matiza o plan de eliminar a redución por tributación conxunta do IRPF

Publicado o 02/05/2021 22:53

• Afectaría a 4,2 millóns de persoas e a 2,1 millóns de fogares

• A medida permitía elevar en 3.400 euros o mínimo exento na renda

• O executivo di que o incentivo desaparecerá de xeito gradual

 

O Goberno matiza o plan de eliminar a redución por tributación conxunta do IRPF

O Goberno vai suprimir a redución por tributación conxunta do IRPF, aínda que a dous días das eleccións madrileñas matiza a mensaxe e di que agardará ao que diga o comité de expertos sobre tributos. O executivo incluíu a medida no plan de recuperación que enviou o venres a Bruxelas. As forzas da oposición aseguran que deste xeito agocha unha suba de impostos de ata 2.390 millóns, que é o custo que lle supón ao Estado mantela.

A medida permitía elevar en 3.400 euros o mínimo exento do IRPF ás parellas que se acollían á tributación conxunta para facer a liquidación dos impostos ante a Axencia Tributaria.

A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal estima que a medida beneficia máis de catro millóns de persoas e desincentiva a participación laboral da muller; ese argumento incorpórao o Goberno ao plan para xustificar a súa eliminación.

É unha medida relevante que non foi anunciada publicamente pero si está recollida no plan de transformación remitido á Unión Europea por España.

A medida adiantouna o xornal El País e en Economía e Facenda confirman que así será, pero o Ministerio insiste en que, tal  como recolle o documento, será un proceso paulatino. Aseguran que en absoluto se suprimirá o incentivo fiscal dun día para outro e que non se tomará ningunha decisión ata que non estean listas as recomendacións do comité de expertos. Iso non pasará antes de febreiro do ano próximo. Distintas forzas da oposición cargaron contra a proposta e pediron ao executivo que rectifique.