CRTVG

Buscar

O Goberno eleva a presión sobre o PP: "A alternativa ao estado de alarma é o caos"

Publicado o 05/05/2020 12:06

A deste mércores será a cuarta vez que Sánchez pida no Congreso prorrogar o estado de alarma. Será tamén a máis complicada. A executiva nacional de Esquerra Republicana decidiu que vai votar en contra e o PNV condiciona o apoio a que cada comunidade poida deseñar o seu propio plan de desescalada.

Andoni Ortuzar, presidente do PNV, dixo: "Zapateiro aos teus zapatos. Que cada un poida volver xestionar as súas institucións e as súas competencias".

Ciudadanos reclama unha folla de ruta para que os ERTE ou as axudas a autónomos non dependan de estados de alarma sine die.

Para Inés Arrimadas, presidenta de Ciudadanos, "o Goberno e o señor Sánchez non poden ameazar 47 millóns de españois dicindo que se non se prolonga o estado de alarma aquí non hai axudas e aquí hai un caos".

E a diferenza das tres votacións anteriores, o PP di que non apoiará outra prórroga. Pablo Casado, que non precisou se se van abster ou opoñer, cre que o estado de alarma non ten sentido para guiar a volta á normalidade.

Pablo Casado, presidente do PP, cre que o Goberno "ten lexislación á súa disposición para poder seguir velando pola saúde pública e pola economía dos españois. Nós xa avanzamos que, nos termos que coñecemos, non podemos apoiar a prorrogación do estado de alarma que propón Pedro Sánchez".

Nunha conversa telefónica dunha hora, Casado trasladoulle ao presidente a súa postura e recibiu esta resposta.

Segundo José Luis Ábalos, ministro de Transportes, "o presidente xa lle advertiu que esa actitude de non apoiar a prórroga do estado de alarma pode levar a España a un caos sanitario e económico".

O Goberno pídelle ao PP que non se deixe arrastrar por quen se vale de falsidades e advirte que serán responsables se se volven disparar os contaxios.
 

Noticias web

05/05/2020