CRTVG

Buscar

A Xunta iniciará o domingo a vacinación da covid-19 nunha residencia de Santiago

Publicado o 23/12/2020 12:52

• O Goberno e as comunidades ultiman o plan de vacinación

• Galicia agarda recibir 40.000 doses e os primeiros en recibilas serán 22.000 usuarios de residencias

O Sergas asegura que todo está listo para empezar a dispensar as vacinas en 24 horas tras a chegada das primeiras doses e primeiro serán vacinados os 22.000 usuarios de residencias de maiores e sociosanitarias, e despois os 17.000 traballadores destes centros.

O resto das primeiras 40.000 vacinas que se espera recibir, nesta primeira remesa, serán para o persoal sanitario, uns 3.000 profesionais que están a traballar directamente nos hospitais con pacientes covid.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explicou este mércores, que con toda probabilidade serán usuarios dunha residencia de Santiago os que reciban as primeiras vacinas en Galicia, por ser a zona que nestes momentos "ten maior incidencia".

O domingo recibiranse 500 doses para vacinar 250 persoas e lamentan que a información varíe por parte do Goberno central, xa que temen que "haxa un baile" do reparto das doses entre as comunidades que non responden a criterios sanitarios, polo que reclaman que se teña en conta o número de persoas vulnerables.

O presidente da Xunta reclama "transparencia e rigor" para coñecer os criterios de reparto que, asegura, non poden ser "políticos, territoriais, nin de socios parlamentarios". Tamén agarda que entre a noite do domingo e o luns a nosa comunidade reciba máis vacinas para distribuír nas residencias das sete áreas sanitarias, e calculou que Galicia necesita 1,5 millóns de doses para vacinar os maiores de 65 anos.

Feijóo afirmou que vai haber un rexistro das persoas vacinadas e que terán garantías adicionais ao ser consideradas "sen risco" para acudir a determinados eventos, seguindo a liña da proposta da Junta de Andalucía.

Prepaparativos en toda España

As comunidades autónomas ultiman os preparativos que esta tarde pecharán co Ministerio de Sanidade para comezar este domingo para vacinar fronte á covid-19 ás persoas maiores que viven en residencias e aos profesionais que lles atenden.

O envío desde Bélxica da vacina desenvolvida por Pfizer e BioNTech comezará "de inmediato" e cada país europeo recibirá inicialmente dous contedores para que poidan empezar a vacinar nas mesmas datas. As primeiras doses viaxan por estrada baixo estritas medidas de seguridade.

O envío cos primeiros dous contedores para España xa saíu por estrada da localidade belga de Puurs, onde Pfizer ten a súa planta de produción. Da factoría van saír 200 millóns de doses, das que 20 serán para España, aínda que o subministro será gradual. A farmacéutica encárgase do proceso de distribución, e comprométese a facer a entrega nun prazo máximo de 3 días. A vacina transpórtase en contedores ultraconxelados cunha temperatura constante de menos 70 graos centígrados. 

Mentres, o Goberno asegurou que ten todo preparado para comezar coa vacinación este domingo cunha campaña progresiva da man das comunidades autónomas e que pretende garantir a equidade. O Ministerio do Interior despregará un dispositivo para garantir a distribución da vacina.

Pfizer entregará a vacina directamente neses 50 puntos que son secretos. A discreción é un dos piares do dispositivo de seguridade. O ministro do Interior evitou esta mañá dar pormenores dese operativo deseñado para evitar que se poidan producir roubos ou sabotaxes. Interior colabora con Sanidade para que o domingo poida comezar a vacinación en España. Fernando Grande-Marlaska di que non está preocupado polo transporte por estrada da vacina e apela á discreción. 

As persoas maiores que viven en residencias e o persoal que coida deles serán as primeiras en recibir a vacina.