O Goberno e a FEMP asinan o acordo do superávit e o PP ameaza cun recurso
É a imaxe da xornada. Os presidentes do Goberno e da FEMP asinaban a primeira hora da mañá o acordo que permite aos concellos o uso dos remanentes e pon a disposición dos mesmos 5.000 millóns de euros dos presupostos xerais do estado entre este ano e o seguinte.
Fixérono 24 horas despois de que a Federación Española de Municipios e Provincias lle dese luz verde a esta proposta cos votos favorables do PSOE e apoiado no voto de calidade de Abel Caballero como presidente do municipalismo estatal.
Pedro Sánchez aseguraba a través das redes sociais que se trata dun bo acordo para os concellos no contexto covid.
Non comparten a mesma opinión o resto de partidos con representación na xunta de goberno da FEMP. Unidas podemos abstívose na votación e o PP, Ciudadanos e o PdeCat rexeitaron un acordo que segundo apuntan significa a ruptura do municipalismo.
Os cargos municipais do PP galego barallan incluso a posibilidade de presentar un recurso de inconstitucionalidade, tal e como apuntou o prsidente da deputación de Ourense, Manuel Baltar. Di que o acordo vulnera a autonomía local e é discriminatorio, xa que impediría aos concellos con déficit acceder a estes fondos.
Dende as filas socialistas xa hai voces que reclaman solucións para os concellos que non dispoñan de remanentes. Javier Lambán, presidente de Aragón, di que non se pode deixar desamparadas as entidades locais que non poidan ceder o seu superávit ao Estado.
En Galicia, o secretario xeral dos socialistas, Gonzalo Caballero, aplaude este polémico acordo. Di que subscribe as valoracións feitas por Abel Caballero, alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios.