CRTVG

Buscar

O Goberno dille á banca que non é tempo de despedimentos colectivos

Publicado o 15/05/2021 09:47

A xunta de accionistas de Caixabank, a primeira tras a fusión con Bankia, aprobou un soldo para o seu presidente, José Ignacio Goirigolzarri, dun millón 650.000 euros. En Bankia cobraba 500.000. Nas portas, os traballadores non entenden que o faga mentres se negocian 7.700 despedimentos.

"O noso presidente hoxe pediu triplicar un salario cando nos están pedindo un ere salvaxe", dicía unha traballadora.

O Goberno, que a través do FROB controla o 16% da entidade, votou en contra da suba de soldo. Ademais, Traballo envioulle unha carta a Caixabank lembrándolles que, por lei, están obrigados a minimizar os recortes de persoal. Yolanda Díaz, vicepresidenta terceira do Goberno e ministra de Traballo cre que “non son tempos de despedimentos colectivos. Ademais, moitas desas entidades financeiras acaban de recibir inxentes contías públicas e estamos falar de entidades que están tendo beneficios”.

Díaz tamén respondeu á proposta do Banco de España de implantar a chamada mochila austríaca que abarata os custos de despedir un traballador: "son clara. O Goberno de España non vai abaratar o despedimento”.

A vicepresidenta terceira di que en 2013, un informe do comité de expertos xa desaconsellaba esa proposta, e reiterou que non figurará no paquete de reformas que España vai enviar a Bruxelas.

Noticias web

15/05/2021