CRTVG

Buscar

O Goberno di que o plan para o prezo da luz é inminente; as eléctricas terán que poxar enerxía fóra do mercado

Publicado o 06/09/2021 11:12

Foto: EFE

A ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno Isabel Rodríguez dixo este luns que o plan de choque para frear o aumento da tarifa eléctrica será "inminente" e sinalou que as medidas incidirán sobre todo na factura "para que o recibo consiga amortecer este golpe".

Nunha entrevista en RNE, Rodríguez explicou que ese plan actuará na vía tributaria pero non só: "Falamos moito do prezo do quilowatt hora, que é o mercado almacenista, pero hai que fixarse en como vai quedar ese recibo, independentemente do prezo quilowatt hora; esa é a preocupación do Goberno", subliñou.

Pola súa parte a vicepresidenta terceira do Goberno Teresa Ribera dixo que obrigarán ás grandes eléctricas a poxaren enerxía entre comercializadoras e industriais.

Os prezos no mercado eléctrico ou pool atópanse actualmente en máximos históricos, entre outras cuestións, polos altos prezos do gas natural, a materia prima que utilizan os ciclos combinados, as centrais máis caras, que están a marcar o prezo ao que retribúen todas as enerxías que participan no mercado.

"A perspectiva do gas segue sendo preocupante", por iso, o Goberno traballa desde comezos de verán nun paquete de medidas adicionais, dixo en declaracións a Antena 3, e confiou en poder levar esas medidas ao Consello de Ministros nas próximas semanas.

Esas medidas incluirán o fortalecemento da cobertura aos consumidores vulnerables e medidas para asegurar que as malas prácticas no uso das concesións hidroeléctricas (venden a súa produción cando os prezos de mercado están máis altos para maximizar os seus beneficios) non se volvan en contra dos consumidores.

Ademais, crearanse mecanismos de mercado "alternativos" compatibles co dereito comunitario para que as empresas cun "peso importante" no sector deban vender parte da súa enerxía ás pequenas comercializadoras ou a industriais "a un prezo fixado por poxa", dixo a ministra.

A ministra insistiu en que aínda que a subida do pool é rechamante, o importante é que ninguén se angustie por iso, porque hai que ver que pasa coa factura e non só co mercado almacenista.

O prezo almacenista da luz baixa o 4 %

EFE

O prezo medio da electricidade no mercado almacenista (pool) situouse para mañá martes, 7 de setembro, en 127,36 euros por megawatt hora (MWh); iso supón un descenso do 4 % respecto ao prezo deste luns e que se sitúe no seu nivel máis baixo desde o 30 de agosto.

Con todo, o prezo do pool triplica ao que marcou o segundo martes de setembro do ano pasado (41,54 euros), segundo datos do operador do mercado OMIE.

Por franxas horarias mesmo chegará a situarse por encima dos 153 euros (aínda que xa chegou a superar o limiar dos 155 euros). En concreto, entre as 21:00 e as 22:00 horas, o MWh pagarase a 153,45 euros, mentres que a hora máis barata será entre as 5:00 e as 6:00 da madrugada, cando custará 105,10 euros. 

Noticias web

06/09/2021