CRTVG

Buscar

O Goberno di que está preparado en caso de ter que inocular unha terceira dose da vacina contra a covid

Publicado o 25/08/2021 21:04

• O Ministerio esperará aos resultados dos ensaios clínicos e das recomendacións da EMA

• A comisión de Saúde Pública podería ter unha proposta a semana que vén

EFE

O Goberno di que está preparado para inocular unha terceira dose da vacina contra a covid, pero, de momento, non hai nada decidido. 

O Ministerio mantense á espera dos resultados dos ensaios clínicos que desenvolven Pfizer e Moderna e á espera tamén da recomendación que faga a Axencia Europea do Medicamento. A ministra Carolina Darias di que hai avances: a comisión de Saúde Pública podería ter xa a semana vindeira unha proposta.

O Goberno espera o pronunciamento a Axencia Europea de Medicamentos e os ensaios clínicos, pero será Saúde Pública a que terá a última palabra sobre a terceira dose. A ponencia de vacinas leva traballando desde xullo no asunto, e pode ter unha proposta preparada nos próximos días. O Goberno di, ten todo listo.

Se finalmente recomenda aplicar esa terceira dose, determinará cando e a que grupos de poboación e tamén mesmo se hai que facela coincidir coa vacinación da gripe. Carolina Darias di que España está preparada para poder administrar esa terceira dose se finalmente é necesario. A vacinación dos menores de 12 anos terá que agardar algo máis.

Nesta xuntanza, o Ministerio de Sanidade anunciou a posta en marcha de dous ensaios clínicos do Instituto de Saúde Carlos III: un para coñecer o grao de protección que teñen as persoas maiores, as primeiras en recibir a vacina,  e o outro para definir que é a covid persistente, como se diagnostica e como se trata.

Na xuntanza desta tarde do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, o conselleiro de Sanidade volveu pedir que se amplíe o uso do certificado de vacinación e que sirva para algo máis que para viaxar. O Ministerio de Sanidade non contempla, de momento, darlle novos usos ao certificado covid, como lle reclamaron algunhas comunidades. A Xunta tamén solicitou unha reunión monográfica sobre Atención Primaria, que, de momento, non se fixou.

Noticias web

25/08/2021