CRTVG

Buscar

O Goberno destinará 7.000 millóns en axudas directas a pemes e autónomos

Publicado o 11/03/2021 18:51
O Goberno destinará 7.000 millóns en axudas directas a pemes e autónomos

O plan de 11.000 millóns de euros para apoiar os sectores e empresas máis golpeados pola pandemia de coronavirus que aprobará o Goberno mañá venres incluirá 7.000 millóns de axudas directas, segundo confirmaron este xoves fontes gobernamentais. 

O resto repartirase entre 3.000 millóns para débeda financeira con aval do Estado e 1.000 millóns máis para recapitalizar empresas medianas a través de Cofides, explican as mesmas fontes. O plan, segundo adiantou o diario 'El País', terá un marco de xestión común, aínda que o diñeiro se transferirá e será xestionado polas comunidades autónomas.

Para recibir as axudas haberá que acreditar unha caída da facturación e as empresas deberán destinar o diñeiro a gastos fixos, como o alugueiro ou similar. O Executivo estivo ultimando o decreto que recollerá estas axudas e barallara a posibilidade de que fose aprobado na reunión ordinaria do Consello de Ministros do pasado martes, aínda que finalmente irá mañá nun Consello extraordinario. 

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou as axudas de 11.000 millóns de euros o pasado 24 de febreiro ante o pleno do Congreso. As axudas irán destinadas ás empresas, pemes e autónomos de sectores especialmente afectados pola crise, como o turismo, a hostalería, a restauración e o pequeno comercio.