CRTVG

Buscar

O Goberno destina 108 millóns á mellora ferroviaria entre Lugo e Monforte

Publicado o 09/12/2020 12:19

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana investirá 108,5 millóns de euros en dous contratos para modernizar a liña do ferrocarril entre Lugo e Monforte de Lemos, dentro das melloras previstas entre a conexión da capital da provincia coa rede de alta velocidade a través de Ourense.

O Consello de Ministros autoriza hoxe a licitación de dous contratos por parte do Ministerio de Transportes que "son fundamentais para a conexión de Lugo coa alta velocidade", segundo a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez.

Un dos contratos será para acometer a renovación da vía por valor de case 55 millóns de euros, e o outro comprende as obras de construción do túnel do Oural por valor de case 54 millóns. O novo túnel, de 1,85 km, substituirá o actual para mellorar as prestacións do servizo. O túnel xa existente conservarase para servizos da propia vía.

Trátase, precisou a subdelegada, "da execución de dous proxectos decisivos, como son a renovación da vía entre Lugo e Monforte de Lemos e a construción do novo túnel do Oural -Sarria".

Estas dúas actuacións "suman un investimento de 108,5 millóns de euros", que supoñen "unha boa noticia" para a provincia, segundo Rodríguez.