CRTVG

Buscar

O Goberno destaca o "impacto histórico" dos seus orzamentos en Galicia

Publicado o 14/10/2021 11:45
O Goberno destaca o "impacto histórico" dos seus orzamentos en Galicia
AXENCIAS

O delegado do Goberno en Galicia José Miñones destacou este xoves o "impacto histórico" dos orzamentos xerais do Estado para 2022 na comunidade autónoma, que superan a barreira dos mil millóns de euros e alcanzan os 1.075, un 29 % máis ca en 2021, cando se situaron en 831 millóns.

Miñones detallou en conferencia de prensa as grandes cifras das contas estatais, que supoñen un investimento "récord" en Galicia e por tanto unha "discriminación positiva" en favor da comunidade autónoma que desta forma se coloca "no lugar que merece". "398 euros de investimento por galego e galega, fronte aos 274 da media nacional", resumiu. 

Cun 8,3 % de investimento en Galicia sobre o total do resto de comunidades autónomas, continuou o delegado, "é un dos territorios máis beneficiados" nos orzamentos, que ademais "deixan as maiores entregas a conta para Galicia".

"Un investimento por encima do PIB galego e por encima do seu peso poboacional", sentenciou tamén nunha intervención en que remarcou que Galicia é "un dos territorios máis beneficiados" nestes orzamentos. Deles, destacou o investimento social, as bolsas para estudantes, o bono de alugueiro ou as partidas en infraestruturas, entre outras.   

Nesta última, dixo que a comunidade autónoma galega é "a que máis crece en orzamento". Sobre as distintas partidas, especificou que máis de 60 millóns serán para mantemento, ao que se sumarán obras de renovación en autovías, ademais das vinculadas co Corredor Atlántico. Respecto das de Adif, citou, entre outras, a variante de Ourense, cunha partida de 22,7 millóns.  

"Desde 2018 Galicia recibiu un 27 % máis para recursos que os catro anos anteriores do Goberno do PP", indicou. Con iso, "con esta realidade non ten cabida o queixume nin o enfrontamento" do presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo; de facelo, suporía "unha falta de credibilidade importante", resolveu.

Por outra banda, e en referencia aos concellos, aludiu aos 2.050 millóns que as entidades locais recibirán vinculados ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e 1.128 vinculados á devolución do IVE e ás liquidacións negativas de 2020.

Xa no ámbito local, e preguntado por actuacións na área da Coruña como a ampliación de Alfonso Molina ou as da estación intermodal, ratificou que son obras "pensadas e proxectadas que se van a executar" xa sexa cos PXE ou os fondos europeos, precisou. En canto á ría do Burgo e o inicio das obras, insistiu en que se executarán aínda que non concretou unha data á espera de que se resolva o recurso presentado por unha empresa.

Noticias web

14/10/2021