CRTVG

Buscar

O Goberno desprégase para tratar a crise migratoria

Publicado o 20/11/2020 08:56

O Goberno pon en marcha o seu plan de choque para conter a crise migratoria nas Canarias. Os ministros Ábalos e Escrivá viaxan hoxe ás illas para anunciar a posta en marcha de recursos de acollida aos inmigrantes. Pola súa parte, o ministro de Interior, Grande-Marlaska, reúnese en Rabat co seu homólogo marroquí para tratar este asunto. 

Outros 200 migrantes foron trasladados onte á tarde ao campamento instalado na antiga polvoreira de Barranco Seco, que xa está ao límite dos seus recursos. Tras as derivacións dos dous últimos días, xa hai alí 400 persoas.

O peirao de Arguineguín segue desbordado. Aínda hai 1.700 migrantes amoreados. Cruz Vermella di que non ten recursos para atender tanta xente. As autoridades das illas piden auxilio ao Ministerio de Interior e esixen coordinación. Tamén a piden as asociacións africanas.

Ante as críticas pola xestión desta crise migratoria, Pedro Sánchez encargoulle á vicepresidenta Carmen Calvo coordinar os ministerios implicados. O ministro de Interior, Grande-Marlaska, viaxa hoxe a Marrocos para tratar de reactivar as repatriacións de nacionais, detidas pola pandemia, e reforzar o control da fronteira sur, da que saen as embarcacións que chegan ás Canarias pola chamada ruta atlántica.

Pola súa parte, os ministros de Migracións e de Transportes viaxan ás Palmas para anunciar máis medidas e recursos para aliviar a presión migratoria que sofren as illas, que recibiron desde comezos de ano 18.000 migrantes.

O presidente do Cabido de Gran Canaria pediulle por carta a Pedro Sánchez que lidere unha comisión interministerial para tratar propostas duradeiras e estruturais.

No Goberno admiten a gravidade da situación.

Irene Montero, ministra de Igualdade: "Hai imaxes que estamos vendo de Canarias que un Goberno progresista non se pode permitir. Temos que garantir que se cumpren os dereitos humanos no noso país".

A ministra de Defensa anunciou tamén a cesión de cinco instalacións militares en Canarias para atender os migrantes.

Noticias web

20/11/2020