O PSOE pecha a porta a intentar un goberno de coalición con Unidas Podemos
• Sánchez asegura que explorará novas vías e que retomará as negociacións
• O Rei dá tempo aos partidos para negociar antes de convocar novas consultas
• Casado reúne o martes a cúpula do PP para analizar o escenario político
A vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo, pechou este venres a porta ao goberno de coalición con Podemos e incidiu en que agora toca explorar outras vías para impedir a repetición de eleccións, para o que chamou á responsabilidade de todas as forzas políticas.
Na conferencia de prensa posterior á primeira reunión do Consello de Ministros tras a investidura errada do candidato socialista e presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, advertiu de que o PSOE explorou xa a vía do goberno de coalición con Podemos e dixo que non funcionou por culpa da formación morada.
"Ese espazo está concluído, concluíuno o señor Iglesias onte, e como non é baladí non se pode estar hoxe pola mañá coma se non ocorrese onte", dixo Calvo, quen en todo momento culpou a Podemos de acabar con esa posibilidade.
Dixo, ademais, en varias ocasións e de distintas formas: "Ao Goberno de coalición pechoulle as portas Unidas Podemos", "eles sós rexeitárona". E advertiu de que de volver haber un acordo coa formación morada sería programático, de máximos ou mínimos ou de lexislatura. Por iso, subliñou a necesidade de "explorar outras situacións" pero tamén recalcou que é responsabilidade de todos os principais partidos facelo, non só do PSOE.
Ademais, como tras a investidura errada xa non hai candidato á presidencia do Goberno, segundo Calvo, "corresponde ao resto de formacións políticas" tamén "mover a pezas que consideren oportunas" para evitar unha nova convocatoria electoral.
En calquera caso, asegurou que Pedro Sánchez, como líder da forza máis votada, vai continuar asumindo a súa responsabilidade e falando co resto de líderes, a quen haberá que preguntar que van facer agora.
"Imos seguir traballando con todo o mundo", dixo, pero engadiu que "non se vai a volver repetir o ocorrido esta semana". "Está rexeitado e rexeitado queda", resolveu.