CRTVG

Buscar

O Goberno defende a reforma "de rescate" do Poder Xudicial e o PP fala "de manobra" para cambiar as maiorías

Publicado o 15/12/2020 20:06

O Consello Xeral do Poder Xudicial leva dous anos en funcións. A súa renovación só é posible cun pacto que non chega entre o PSOE e o PP. O Goberno non oculta que a reforma que este xoves levou ao Congreso é unha ferramenta de presión.

Juan Carlos Campo, ministro de Xustiza, admite que "é unha chamada de atención ao Partido Popular porque é con quen se poden xuntar os 3/5. Creo que están esgotando todos os prazos de graza e cortesía".

A reforma pretende que o órgano de goberno dos xuíces non poida facer nomeamentos mentres estea en funcións.

Rafael Simancas, do PSOE, argumenta que "o Poder Executivo, cando está en funcións, xa ten unhas competencias limitadas. Ocórrelle o mesmo a este Congreso dos Deputados. Por que non no Poder Xudicial? Ten lóxica".

Pero a oposición cre que ameaza con minguar a independencia dos xuíces. VOX anuncia recurso ante o Tribunal Constitucional. A súa deputada, Macarena Olona, cre que "hoxe, o socialcomunismo dá un golpe de Estado institucional desde a mesma Moncloa utilizando o Poder Lexislativo secuestrado para aprobar unha lei habilitante que baleira de contido a Constitución de 1978".

Para a voceira popular, Cuca Gamarra, "en vez de buscar blindar e garantir a maior independencia en cada momento e avanzar en máis independencia, o que busca é interferir na mesma e o control por parte do Poder Executivo no Poder Xudicial".

Ademais desta reforma, o executivo mantén viva outra que permitirá nomear os vogais do Poder Xudicial por maioría absoluta, en vez dos 3/5 actuais.

Noticias web

15/12/2020