CRTVG

Buscar

Declaran zona catastrófica en 8 comunidades españolas afectadas polo temporal

Publicado o 19/01/2021 13:13

O Consello de Ministros aprobou este martes a declaración de zona catastrófica en oito comunidades autónomas afectadas polo temporal Filomena.

A declaración de zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil -actual denominación da zona catastrófica- afecta a Comunidad de Madrid, Castela-A Mancha, Castela e León, Andalucía, Asturias, Aragón, A Rioxa e Navarra, segundo esas fontes.

O executivo tomou esta medida tras unha primeira valoración dos danos, aínda que se poden ampliar os territorios afectados segundo avance o estudo deses prexuízos. 

En Madrid aínda continúa a limpeza

A normalidade total aínda tardará en recuperarse, pero o alcalde confía en que a situación mellore esta semana, sobre todo tras a intensa chuvia e a subida de temperaturas anunciada para o mércores.

Para minimizar o impacto da chuvia, trabállase sen descanso na retirada da neve acumulada nas rúas e nas estradas rexionais, pois témese que produzan inundacións.

De feito o Concello activou un plan para revisar os 404 puntos máis críticos da rede de sumidoiros para que estean libres de xeo e residuos. Tamén no metro se reforzou a limpeza dos sumidoiros e drenaxes.

Tamén volven estar operativas as 217 liñas do transporte urbano.

Os accesos dos colexios xa están despexados polo que mañá reabrirán a maioría das escolas de Madrid. Unicamente quedarán pechados oito centros que sufriron danos estruturais na nevarada.

E dez días despois do temporal, están abertos de novo o Museo do Prado, o Thyssen-Bornemisza e o Raíña Sofía e hoxe abren outros museos e monumentos.

Pola contra os grandes parques e zonas verdes da cidade, como O Retiro ou A Casa de Campo seguirán pechados como mínimo dous meses máIs" por razóns de seguridade, debido á caída de polas e árbores enteiros.