CRTVG

Buscar

O Goberno de Murcia do PP refórzase coa toma de posesión dos tres escindidos de Ciudadanos

Publicado o 13/03/2021 14:51

A toma de posesión dos conselleiros escindidos de Ciudadanos dalle un balón de osíxeno ao Goberno do PP en Murcia por dous anos máis. Ese podería ser o resumo do acto oficial desta mañá, que reafirma a presidencia de López Miras. Isabel Franco continúa como vicepresidenta, pero con más competencias; Valle Miguélez será conselleira de Empresa e voceira do executivo autonómico e Francisco Álvarez encargarase de Universidade e Emprego.

 "Algúns tentaron poñer en xaque a estabilidade do goberno de Murcia no peor momento posible para facelo, en plena pandemia, cunha crise sanitaria, económica e social evidente, cando máis forte necesita a rexión de Murcia e a sociedade as súa institucións", manifestou o presidente, Fernando López Miras.

Case en paralelo reuníanse as comisións delegadas do PSOE e Ciudadanos encargadas de negociar as mocións de censura. No Goberno autonómico dáse por fracasada, pero onde aínda pode triunfar é na alcaldía da capital murciana. Aí os concelleiros laranxas mantéñense aínda firmes para botar abaixo a corporación municipal do PP.

Tamén se celebrou esta mañá o comité rexional do PSOE murciano e así se expresaba un dos negociadores socialistas das mocións desde Madrid. "O novo PP de Pablo Casado por moito que lle digan novo PP é exactamente o peor PP de sempre. O partido que agocha e mantén a corrupción con tránsfugas e tamayazos", sinalou Santos Cerdán, secretario de Coordinación Territorial do PSOE.

Desde o PP, Teodoro García Egea salientou que en Murcia tres deputados de Ciudadanos mantiveron o seu compromiso fronte ao que cualificou como "pacto infame" co PSOE: "Onte vimos como tres persoas se mantiveron firmes a unha palabra, a un pacto que se asinou hai dous anos como o que se asinou tamén aquí, en Andalucía, para baixar impostos, para crear emprego, para que os pais poidan elixir o colexio ao que levan os seus fillos. E esa palabra mantívose, foron outros os que a racharon".

Noticias web

13/03/2021