CRTVG

Buscar

España suspende os voos co Reino Unido, agás para españois ou residentes

Publicado o 21/12/2020 15:13

• A medida, acordada con Portugal, entra en vigor este martes

• Reforza os controis con Xibraltar, tras detectar un caso da nova cepa

• A maioría de países da UE suspenden os voos co Reino Unido, pero Schengen non pecha

Tras a reunión do mecanismo de crise da Unión Europea, que analizaba na xornada de hoxe os efectos da nova cepa do coronavirus detectada no Reino Unido e pediu que se eviten as viaxes non esenciais, o Goberno decidiu suspender desde mañá as conexións co Reino Unido, a excepción de nacionais españois e residentes en España.

A medida tomouse logo de que se expuxera en Bruxelas a necesidade de tomar medidas coordinadas, como así o manifestou onte España. A decisión foise adoptando de xeito concertado con Portugal e suporá tamén un reforzo dos controis no paso fronteirizo con Xibraltar.

Esta decisión coincide coa confirmación, por parte do Reino Unido, da presenza en Xibraltar da nova variante do coronavirus. Neste mesmo territorio reforzábanse as restricións durante esta última semana debido á repunta dos contaxios.

A medida é efectiva en Portugal desde a medianoite pasada e implica que só os cidadáns nacionalizados ou con permiso de residencia poden entrar no país e todos con PCR negativa. Iso significa, por exemplo, vetar a entrada de gran parte dos máis de 21.000 turistas británicos que tiñan reservadas as súas vacacións de Nadal na illa da Madeira.

Portugal continúa baixo a declaración de estado de emerxencia ata o vindeiro 7 de xaneiro, e iso que os contaxios, 3.334 nas últimas horas, e as mortes, 71 falecidos tamén nas últimas 24 horas, descende levemente. Para a Noiteboa e para o día de Nadal as medidas son algo máis laxas, pero para a Noitevella o Goberno decretou o toque de recoller para as once da noite. Para Aninovo e para os días 2 e 3 de xaneiro o límite será a unha da tarde.