CRTVG

Buscar

O Goberno critica os eres na banca e pide que se limiten os soldos dos banqueiros

Publicado o 23/04/2021 08:34

O Goberno insta ao Banco de España a que limite os salarios da banca e critica os recortes de emprego que anuncian, con numerosos despedimentos e peches de oficinas. Os sindicatos manifestan o rexeitamento aos eres anunciados por BBVA e Caixabank e pídenlle ao Goberno que faga presión. Na patronal din que foi a banca quen achegou os cartos durante a pandemia.

Primeiro foi Caixabank quen anunciaba o maior ere da historia da banca española, de máis de oito mil traballadores. Despois era BBVA quen formulaba despedir 3.800 empregados en España e pechar 530 oficinas.

Os macroprocesos de reestruturación levan aparellados os despedimentos, fortes remuneracións e bonus ás cúpulas directivas das entidades. Contra esta realidade pronunciábanse con vehemencia as ministras de Economía e de Traballo.

Nadia Calviño, vicepresidenta de Asuntos Económicos: "Trátanse con remuneracións que non se corresponden coa realidade económica do noso país e mesmo naquelas entidades que están anunciando fortes recortes de persoal e peche de oficinas".

Yolanda Díaz, vicepresidenta terceira e ministra de Traballo: "Creo que non son tempos para estas formulacións. Todo o país está sufrindo e todos debemos remar nunha dirección".

Mentres se estudan posibles modificacións legais para controlar os salarios e bonus dos banqueiros na conxuntura actual, o Goberno confía na capacidade de actuación do Banco de España e do Banco Central Europeo para tomar medidas como supervisores financeiros.

Tamén o ministro de Seguridade Social criticaba o comportamento da banca despois de recibir no pasado, enfatizaba José Luis Escrivá, unha protección pública "extraordinaria". Precisamente por iso, para os sindicatos, os eres bancarios son un escándalo e unha obscenidade. Esixen corresponsabilidade ao sector financeiro.

Na patronal, o presidente da CEOE sae en defensa da banca. Antonio Garamendi di que foi esta, e non o Estado, quen achegou os cen mil millóns de euros dos créditos ICO durante a pandemia, que os bancos non fixeron ERTE e que están inmersos nun proceso de profunda transformación en que algúns empregos desaparecerán e outros entrarán en acción.

Noticias web

23/04/2021