CRTVG

Buscar

O Goberno convoca unha mesa para analizar o futuro de Ence en Pontevedra

Publicado o 19/04/2021 15:10
O Goberno convoca unha mesa para analizar o futuro de Ence en Pontevedra

O Ministerio para a Transición Ecolóxica convocou, para o vindeiro mércores 21 de abril, a mesa de traballo en que se abordará o futuro da fábrica que a compañía Ence ten en Pontevedra.

A reunión, que se celebrará en Madrid ás 17:00 horas, segundo desvelou o Concello de Pontevedra, fora unha petición trasladada polos traballadores nun encontro coa vicepresidenta cuarta e ministra do ramo, Teresa Ribera.

A fábrica de Ence, situada en terreos de dominio público marítimo-terrestre, está pendente da decisión da Audiencia Nacional sobre a prórroga concedida polo Goberno en funcións que presidía Mariano Rajoy. Daquela, renováralle o permiso ata o ano 2073.

Dous colectivos ecoloxistas e o Concello de Pontevedra recorreron esta prórroga ante os tribunais, asegurando que fora unha ampliación contraria á lei.

Futura lei de cambio climático

Ademais, segundo defenden tanto a empresa como a Xunta de Galicia, a futura lei de cambio climático impedirá que Ence poida seguir no seu emprazamento máis aló de 2033. Nesa data, fará 75 anos da súa instalación, o límite máximo que establece para poder ocupar terreos supervisados por Costas.

A portavoz do goberno municipal de Pontevedra, Anabel Gulías, confirmou que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, asistirá a esta reunión coa "vontade firme" de reclamar o traslado "efectivo" da factoría a outra localización.

Segundo Gulías, o concello de Pontevedra considera unha "necesidade imperiosa" a saída de Ence da ría de Pontevedra, entre outras cuestións, para recuperar uns terreos que, defende, "deben ser devoltos á cidadanía".

O Executivo local sinala que a prórroga concedida "en tempo de desconto" a Ence foi "fraudulenta" e tamén rexeita a súa continuidade por motivos de "equidade" con outras empresas e por "garantía e seguridade ambiental" para toda a comarca de Pontevedra.