CRTVG

Buscar

O Goberno convoca as partes implicadas no futuro de Ence para abrir un proceso de diálogo

Publicado o 21/04/2021 16:15

A vicepresidenta cuarta e ministra para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico Teresa Ribera convocou para este mércores ás 17:00 en Madrid a primeira reunión da mesa de traballo sobre o futuro da fábrica de Ence na ría de Pontevedra. 

Teresa Ribera cumpre así o compromiso adquirido co comité de empresa da fábrica de Lourizán de habilitar "un espazo de diálogo onde buscar fórmulas que dean continuidade aos postos de traballo de Ence en Pontevedra".

A ministra convidou a participar nesta mesa de negociación a dirección da compañía pasteira, os representantes dos traballadores da factoría e os do sector de transportes e forestal e as administracións implicadas.

A portavoz do goberno local de Pontevedra Anabel Gulías confirmou a participación do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e do director xeral de urbanismo "para trasladaren a posición que vén mantendo desde hai máis de 20 anos este Concello". Anabel Gulías lembrou que para o consistorio, "o traslado da fábrica é unha cuestión de necesidade imperiosa" por tres motivos básicos: por "calidade democrática", por unha "cuestión de equidade" e para a recuperación para a cidadanía duns terreos públicos e a "garantía e seguridade" no medio ambiente. 

Quen tamén confirmou a súa participación foi a Xunta de Galicia, a través do seu vicepresidente económico Francisco Conde, quen apelou a un cambio da lei de cambio climático no Senado para que non incorpore o artigo que "pon data ao peche" da planta de Ence en Pontevedra. "A Xunta está convocada a esta reunión e asistiremos para trasladar unha mensaxe clara de que o Goberno poida rectificar e durante a tramitación do Senado se poida suprimir ese artigo 18 que suporía establecer unha data de peche da planta", afirmou Conde. Para o vicepresidente económico da Xunta, é preciso "dar unha solución" para favorecer a viabilidade e a continuidade da planta, "á marxe da resolución xudicial na Audiencia Nacional" sobre a prórroga.

A empresa que non quixo facer declaracións antes da xuntanza desta tarde en Madrid mantén que un cambio de localización suporía o peche da fábrica. Pola súa banda os traballadores acoden á xuntanza cun obxectivo claro: a defensa dos seus postos de traballo.

A Lei de cambio climático aprobada polo Goberno central marca esta reunión, xa que pon data de caducidade á concesión da fábrica. A Xunta de Galicia pide modificar a lei e que Ence continúe en Lourizán.

Outra das friccións sobre o futuro da fábrica son os recursos contra a prórroga da concesión que seguen na Audiencia Nacional. A decisión da xustiza tamén será clave no futuro da factoría.

 

Noticias web

21/04/2021