O Goberno confirma que hai 12 empresas interesadas en mercar as plantas de Alcoa
O Goberno confirma que hai doce empresas que están interesadas en mercar as plantas de Alcoa da Coruña e de Avilés. Así o anunciou hoxe na mesa de seguimento cos comités de empresa e cos gobernos de Galicia e de Asturias.
Os sindicatos son escépticos. Urxen o Goberno a que aprobe xa o estatuto da electrointensivas que fixe un prezo estable da enerxía. Pensan que sen el ninguén se vai arriscar a mercar as fábricas.
Juan Carlos Corbacho, presidente do comité de empresa de Alcoa A Coruña: "Nós desde logo fixemos unha queixa pola lentitude deste proceso, non pode ser que ese estatuto aínda non estea aí".
Desde a Xunta lamentan a falta de avances.
Francisco Conde, conselleiro de Industria: "Seguimos sen estatuto, seguimos sen unha proposta concreta para os investidores, e sen unha solución para que haxa unha oferta que sexa viable, na medida en que os propios investidores non saben cales van ser os custos que van ter que afrontar".
O Goberno prevé aprobar o estatuto das electrointensivas no Consello de Ministros do 26 de abril, catro días despois de que remate o prazo para presentar ofertas por Alcoa.