CRTVG

Buscar

O Goberno confirma que Galicia pasará este luns á nova normalidade

Publicado o 12/06/2020 16:26

O resto das comunidades españolas entrarán na nova normalidade o 22 de xuño, independentemente da fase da desescalada en que se encontren. Ese día deixa de estar en vigor o estado de alarma e a mobilidade será libre en todo o territorio do Estado.

A maior parte do territorio español manterase ou entrará o vindeiro luns na fase 3 da desescalada. Pero Madrid, Barcelona, Lleida e catro provincias de Castela e León quedan en fase 2. E que pasa con estes territorios se seguen nesa situación cando remate o estado de alarma?

Salvador Illa, ministro de Sanidade: "Progresarán directamente á nova normalidade a partir do día 22 de xuño co marco das súas competencias, que en calquera caso non poderán ser restricións da mobilidade porque iso só se pode facer mediante o estado de alarma.

As comunidades poderán restrinxir algunhas actividades, por exemplo, en materia de saúde pública ou educación. Pero que se pode facer e que non ante a aparición dun brote de coronavirus?

Salvador Illa, ministro de Sanidade:"Non poderá haber restrición xeneralizada coma ata agora da liberdade de movementos, iso só se pode facer coa ferramenta constitucional do estado de alarma. Pero si que se poden facer restricións moito máis cirúrxicas, de persoas concretas, de unidades familiares, de unidades sociais moito máis restrinxidas e sempre con autorización xudicial".

O Goberno asegura que tende a man aos partidos para consensuar as medidas do decreto da nova normalidade que rexerá cando remate o estado de alarma.