CRTVG

Buscar

O Goberno concreta o pagamento en autovías: "Unha rede 'gratis' é a excepción"

Publicado o 19/10/2021 15:09

O Goberno busca ingresos novos e pon o acelerador nunha medida que leva meses anunciando: haberá que pagar polo uso das autovías que ata o de agora eran de balde. Xa se da por feito, pero apela á responsabilidade para abrir este debate.

A secretaria de Estado de Infraestruturas xa o adiantaba nas últimas horas, e esta mañá era o seu número dous, o tamén galego Sergio Vázquez, o que confirmaba que haberá que pagar polo uso das autovías. Vázquez dixo que non se tratará dunha peaxe como a das autoestradas, senón dun pago por uso para contribuír ao mantemento destas infraestruturas. O Executivo cre que esta medida tamén servirá para reducir o uso do transporte privado e fomentar así o do ferrocarril, menos contaminante.

"Queremos que se chegue a un consenso, expoñer o debate con honestidade e con claridade", sinalou este martes Sergio Vázquez, tras participar no foro Conversa, organizado pola Ser en Galicia, no cal expuxo a necesidade de "abordar con rotundidade unha reforma que introduza unha tarificación".

O obxectivo, contou, é dispoñer dunha ferramenta financeira "para non pagar cos impostos de todas as nosas estradas", e que á vez sirva para "modular os usos de transportes máis contaminantes e que sirva de beneficio tamén ás alternativas de transporte máis sostible, como é o ferrocarril".

"Hai que facelo. Estamos decididos", indicou, para afirmar a continuación que é "unha cuestión de responsabilidade que temos que asumir" do mesmo xeito que ocorre cos outros países da Unión.

Noticias web

19/10/2021