O Goberno concede a Galicia 8 millóns de euros para servizos sociais

O Goberno central concédelle á Xunta de Galicia 7,9 millóns de euros para servizos sociais, dos que 3,41 millóns serán para o Programa de protección á familia e atención á pobreza infantil, informou a Delegación do Goberno en Galicia.
A Orde do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 inclúe 45 millóns de euros do Programa de protección á familia e atención á pobreza infantil, no que a Xunta recibe 3,41 millóns de euros, un 7,58 % por cento do total.
Dentro desta liña, explica a Delegación nun comunicado, hai un programa específico para garantir o dereito básico de alimentación, lecer e cultura, dotado con 15 millóns, dos que corresponden 1,14 ao Executivo galego, tamén un 7,58 %.
A repartición inclúe prestacións básicas de Servizos Sociais, por 40 millóns de euros para aspectos como información e orientación, axuda a domicilio e apoio á unidade de convivencia, aloxamento alternativo e prevención e inserción social. Neste caso, a Xunta recibe 3,31 millóns de euros, un 8,37% do total.
Os proxectos de intervención social integral para a atención, prevención da marxinación e inserción do pobo xitano están dotados con 412.500 euros, dos 28.411,72 euros, un 6,89 %, foron asignados a Galicia.
Axudas en educación
Galicia tamén recibirá 2,37 millóns de euros do total de 40 millóns de euros asignado polo Goberno central entre as comunidades autónomas para reforzar o funcionamento dos colexios e garantir a continuidade da educación no próximo curso para os alumnos máis vulnerables, especialmente afectados pola situación xerada pola pandemia de covid-19.