CRTVG

Buscar

O Goberno busca unha solución extraprocesal dialogada para a Lei de saúde galega

Publicado o 21/04/2021 17:35
O Goberno busca unha solución extraprocesal dialogada para a Lei de saúde galega

O ministro de Política Territorial e Función Pública e o delegado do Goberno en Galicia coincidiron na vía do diálogo para lograr unha resolución extraprocesal á Lei de saúde de Galicia.

A aprobación desta norma, recorrida polo Executivo central, foi un dos asuntos tratados na primeira xuntanza de José Miñones, tras tomar posesión do seu cargo, con Miquel Iceta.

Ambos os dous coincidiron en que a lei autonómica limita dereitos fundamentais e invade competencias estatais. Porén, amosáronse partidarios dunha solución consensuada, despois de que o Tribunal Constitucional suspendera varios apartados onde se contempla, entre outras medidas, a vacinación obrigatoria.

O recurso de inconstitucionalidade do Goberno, presentado tras un ditame do Consello de Estado, continúa o seu trámite. Mentres, o Goberno e Xunta manteñen contactos a través dun grupo de traballo que busca unha solución extraxudicial.

"O Ministerio e a Delegación apostan por resolver a situación a través do diálogo. O espírito de cooperación continuará como bandeira de ambas as dúas institucións", engaden fontes do Goberno.