CRTVG

Buscar

O Goberno baralla flexibilizar a desescalada no rural, pero segue chamando á prudencia

Publicado o 12/05/2020 15:31

• Apróbase o acordo cos axentes sociais para a estensión dos ERTE

• Luz verde ao repartimento de fondos contra a violencia de xénero

O Goberno estuda unha "reconfiguración" das fases da desescalada para as zonas rurais. O ministro de Sanidade, Salvador Illa, encadrou unha posible "flexibilización" das restricións en ámbitos rurais no marco da cogobernanza aprobada para esta fase da pandemia en España e explicou que varios gobernos autonómicos propuxeron a medida.

O ministro aclarou que se permitirá desprazar as franxas horarias "para adaptalas ás mellores condicións climáticas de cada territorio", pero puntualizou que o Goberno prefire que se manteñan as franxas horarias para as distintas actividades. Nese sentido, dixo que calquera comunidade autónoma pode propor non poñer en práctica algunha das medidas previstas nas fases da desescalada. "Sempre que sexa con carácter restritivo o Goberno terá un criterio favorable", dixo. 

Nese sentido, negou que haxa ningún criterio máis aló do puramente técnico á hora de decidir en que fase se sitúa cada territorio, en resposta a unha pregunta sobre a diferenza entre a fase en que se sitúa Euskadi respecto da Comunidade Valenciana. Os criterios, dixo, baséanse "nunha análise cuantitativa pero tamén cualitativa, e hai que facer moita énfase en ter un bo mecanismo de detección precoz e en que a atención primaria teña a capacidade de facer tests rapidisimamente".

Corentena para os viaxeiros

O Goberno aprobou hoxe dúas ordes para o restablecemento temporal do control nas fronteiras e a obrigatoriedade de que todos os viaxeiros que cheguen a territorio español pasen unha corentena de 14 días .

No ámbito económico, aprobouse o acordo asinado onte cos axentes sociais para a extensión dos ERTE ata o 30 de xuño que, segundo dixo a voceira María Jesús Montero, serve de base para a recuperación do emprego. Na actualidade máis de tres millóns de traballadores están afectados por un ERTE por causa de forza maior.

Control da fiscalidade agresiva

Montero anunciou tamén a aprobación do proxecto de lei que modifica a Lei xeral tributaria para adaptala á normativa europea. Establécese a obriga, por parte dos intermediarios fiscais, de declarar operacións de planificación fiscal agresiva.

"É máis necesario que nunca protexer o sistema tributario de prácticas ilegais ou abusivas que o debiliten", dixo Montero, que engadiu que "non pode haber xustiza social sen xustiza fiscal".

Loita contra a violencia de xénero

O Goberno tamén aprobou hoxe os criterios de repartimento ás comunidades autónomas dos fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero para este ano, máis de 100 millóns de euros destinados ás redes de atención ás vítimas e á súa insercións sociolaboral.

Con motivo do Día da Familia o vindeiro 15 de maio, Montero anunciou a presentación nesta lexislatura dunha lei de protección ás distintas modalidades de familia.