CRTVG

Buscar

O goberno balear illa nun hotel os contactos con positivos do macrogromo e inspecciona nove aloxamentos

Publicado o 26/06/2021 21:13

Soben a 70 os casos en Galicia e hai 600 persoas en corentena Por áreas, o número maior de positivos concéntrase en Pontevedra

Os casos positivos polo macrogromo de Mallorca superan xa amplamente os 600 en oito comunidades e o goberno balear teme que todo derive nun contaxio de grandes proporcións na illa. Había que actuar e durante a fin de semana realízanse inspeccións a fondo nos nove hoteis polos que pasaron os rapaces en viaxe de estudos. A outra solución consiste en trasladar os mozos que tiveron contacto cos positivos a un macrohotel, o Palma Bellver, onde van quedar illados temporalmente. A maioría son estudantes de paso procedentes da Península.

Mentres, continúa a polémica pola actuación policial ante os amoreamentos de mozos na zona do Areal, que pertence ao concello de Llucmajor. O conselleiro de Turismo balear, Iago Negueruela, foi crítico onte e este sábado desdicíase, consciente de que os axentes se sentiron desbordados: "O Govern actúa nun sentido e os concellos noutro, pero en ningún caso ningunha crítica a ningún concello por todos estes meses tan duros que pasaron e, desde logo, ás policías por manter a situación de seguridade".

No País Vasco facíase hoxe un cribado en vinte centros sanitarios de alumnos que viaxaron a Mallorca desde o día 12 deste mes. As reflexións a posteriori van en clave de arrepentimento."Ao saltar todas as medidas e tal alí agora estamos aquí", di unha moza. Outra explica: "Arrepíntome un pouco, deberamos ser máis conscientes do problema que causou e do rebumbio que é, pero non sei... é que somos mozos".

O departamento balear de Sanidade segue mantendo a hipótese de que o contaxio foi importado; é dicir, causado por alguén que se desprazou a Mallorca. En xogo está un verán turístico prometedor con algunhas nubes no horizonte.

Noticias web

26/06/2021