CRTVG

Buscar

O Goberno asegura o apoio á última prórroga do estado de alarma ata o 21 de xuño

Publicado o 02/06/2020 14:19

• As autonomías en fase 3 poderán ter mobilidade entre provincias

• Os gobernos autonómicos decidirán o pase á 'nova normalidade' 

 

O Goberno someterá mañá a aprobación do Congreso dos Deputados unha nova e última prórroga do estado de alarma, ata o vindeiro 21 de xuño, para o que xa ten garantido o apoio maioritario dos grupos políticos.

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, defendeu o confinamento "durísimo" que se estableceu en España, porque está a permitir unha desescalada "segura e rápida". Explicou que na nova prórroga, as comunidades autónomas que pasen á fase 3 pasarán "da cogobernana a gobernanza plena" e, nese sentido, avanzou que "na medida en que os distintos responsables autonómicos desde a fase 3 propoñan progresar á nova normalidade poderase pasar á mobilidade plena", tamén entre autonomías. "Correspóndelles aos presidentes autonómicos adoptar a nova normalidade", puntualizou.

Explicou que se está traballando para dar forma xurídica á "nova normalidade", que "non signfica outra cousa que aprender a convivir co virus ata que non teñamos unha terapia ou unha vacina eficaz", e nese sentido volveu chamar á prudencia porque "hai rebrotes en todos os países, tamén no noso" aínda que son "moi localizados e xestionables".

A voceira do Goberno, María Jesús Montero,confirmou que "a priori o Goberno conta cos apoios necesarios para ratificar a prórroga". Engadiu que "era lóxico que as formacións políticas entenderan que estes últimos 15 días servirán para consolidar o traballo realizado durante todo este período", dixo.

Montero insistiu en que, coa prórroga, "non se discute un proxecto político nin un apoio ao Goberno", senón terminar un proceso "que foi a única medicina eficaz na loita contra o virus, e os datos aconsellan que estes sexan os últimos días do estado de alarma". Nese sentido, reprochoulle ao PP que "dimitira da súa responsabilidade como principal grupo da oposición".