CRTVG

Buscar

O Goberno asegura que pediu permiso á Xunta para reformar Meirás

Publicado o 18/03/2021 12:02
O Goberno asegura que pediu permiso á Xunta para reformar Meirás

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, asegurou este xoves que remitiu á Xunta o día 5 de marzo unha comunicación para informar sobre as obras aprobadas polo Consello de Ministros para reformar o Pazo de Meirás.

Indicouno despois de que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta lembrase este mércores ao Goberno central que as intervencións nun Ben de Interese Cultural (BIC) como o Pazo de Meirás deben ser autorizadas polo Executivo galego.

A Xunta pediu "un proxecto técnico completo" que describa en detalle as intervencións previstas despois de que o Goberno autorizase un orzamento de 398.000 euros para realizar diversas obras urxentes de reforma no inmoble de Sada.

"A miña pregunta é se os integrantes da Xunta falan entre eles", recriminou Losada preguntado polo requirimento feito onte polo Goberno galego.

Así, Losada non só desmentiu que non se solicitou autorización, senón que afirmou que "os responsables de Cultura estiveron no pazo" revisando que traballos era necesario acometer e "pediron que se enviase por escrito".

"Comunicóuselles con data do cinco de marzo", sostivo Losada mostrando a comunicación remitida.