CRTVG

Buscar

Aprobadas restricións comúns para a hostalería e o ocio nocturno en toda España

Publicado o 02/06/2021 18:54

• O acordo saiu adiante malia o voto en contra de seis comunidades autónomas, entre elas Galicia | Feijóo: "O Goberno quere limitar agora o proceso de apertura" | Madrid avanza que non o acatará

• Reabrir as discotecas ata as 3:00 e pechar os bares á 1:00

O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas aprobaron este mércores, no seo do Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde, o documento de obrigado cumprimento para a 'nova normalidade' na que, entre outras medidas, permite abrir os locais de lecer nocturno ata as 03.00 horas naqueles territorios que non teñan risco ou estean en nivel 1 do 'semáforo' de Sanidade.

Así mesmo, establécese pechar os establecementos de hostalería, restauración e terrazas, así como nos bares e restaurantes de praia, ás 01.00 horas e prohibir fumar en espazos ao aire libre a condición de que non se manteñan os dous metros de distancia.

A ocupación máxima no interior será do 50%, e nas terrazas poderanse ocupar todas a mesas sempre e cando se manteña a distancia de seguridade.

Será posible facelo así en Galicia, Astruas, Navarra,as Baleares, a Comunidade valenciana, Murcia, Estremadura No resto de autonomías, con incidencias maiores, o ocio nocturno terña que seguir pechado.

En toda España haberá normas comúns para bares e restaurantes. Poderán estar abertos ata a unha da mañá, pero terán que deixar de servir ás doce. E manterán restricións de ocupación no interior e distancia de seguridade.

Sanidade di que hai que ir reactivando a economía, pero paso a paso. "Nnon pode pasar o que pasou o verán pasado. O escenario non é o mesmo e temos moitas ganas de volver á normalidade. Pero temos que ter claro que o importante é seguir baixando a incidencia, e lograr baixar dos 50 casos", dixo a ministra Carolina Darias. 

Estas medidas son de obrigado cumprimento para toda España, malia que non sairon adiante por unanimidade. 

Galicia, entre as cinco comunidades en contra

Os Gobernos autonómicos da Comunidad de Madrid, País Vasco, Cataluña, Galicia, Andalucía e Murcia votaron en contra destas propostas do Ministerio de Sanidade.

O responsable de Sanidade na Xunta, Xullo García Comesaña, cargou contra o Goberno pola presentación dunhas "novas normas", que na véspera eran "recomendacións", e que se venderon como "de obrigado cumprimento", "desdeñando" o traballo feito ata agora polas comunidades.

Nun comunicado, o representante autonómico lamenta que o Executivo de Pedro Sánchez queira "impor" sen ter en conta o esforzo das autonomías na loita contra a pandemia durante todo este tempo e obviando que son "as que mellor coñecen as particularidades de cada territorio".

García Comesaña entendeu o ocorrido nesta xornada como unha "falta de respecto", tamén, ao labor do comité clínico que asesora ao equipo de Alberto Núñez Feijóo na xestión da crise sanitaria.
Segundo este portavoz, o documento aprobado "por votación e non por consenso, como sería desexable" é, ademais, "extemporáneo"."Imos estudalo con detemento coa asesoría xurídica para analizar o carácter vinculante e se invade competencias autonómicas, pero non estamos de acordo, nin coa maioría das medidas nin, por suposto, co feito de que queiran facelas de obrigado cumprimento", fixo constar.

Con todo, garantiu que o Executivo galego respectará o que sexa de obrigado cumprimento, "aínda que non o comparta". Xa por último, subliñou Comesaña que o Goberno de España "despois de meses ausente e sen coordinar, agora, cando parece que o peor xa pasou, pretende asumir un protagonismo do que viña fuxindo".


Pola súa parte, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, arremeteu este mércores contra un Goberno que "nos quere limitar agora o proceso de apertura". O mandatario galego reprocha que "o mesmo Goberno que deixou a responsabilidade en mans das comunidades autónomas e renunciou a coordinar durante o peor da pandemia, quérenos limitar agora o proceso de apertura". "Non debemos cometer ese erro", reivindica na súa conta oficial.

 Madrid anunciou que seguirá aplicando a normativa rexional ao discrepar dos criterios de Sanidade.

En calquera caso, Darias lembrou que este documento aprobouse en forma de declaración de obrigado cumprimento e lembrou que, na última discrepancia co Executivo de Isabel Díaz Ayuso, ao final acabaron cedendo.

Noticias web

02/06/2021