CRTVG

Buscar

O Goberno anulará o imposto de xeración eléctrica para aliviar a factura

Publicado o 20/09/2018 08:12

• O Executivo anuncia un bono de calefacción

O prezo da luz marca un novo máximo anual

O prezo da electricidade acadou un novo máximo anual. O megawatt-hora acadou os 76 euros. O prezo da luz está afectando a economía das familias, dos negocios e das explotacións gandeiras. Tamén a industria alerta do impacto que vai ter na súa competitividade.

O Goberno considera urxente acelerar o cambio do modelo enerxético español. Pero mentres se fai, asegura que é preciso aliviar o impacto da factura eléctrica na economía. A ministra de Transición Ecolóxica anunciou a inmediata supresión do 7% do imposto de xeración eléctrica do que se beneficiarían todos os consumidores.

"A medida máis axeitada para enviar un sinal claro por parte do Goberno: necesitamos aliviar a factura do consumidor nun momento excepcional en que non pode ser el quen afronte as turbulencias do cambio", dixo Teresa Ribera.

O Goberno tamén anuncia a creación dun bono para calefacción e a continuidade do bono social eléctrico.

"Pensamos que hai que introducir con urxencia melloras que faciliten e sobre todo melloren o acceso ao mesmo por parte da poboación que ten dereito a el. E complementaremos o bono eléctrico cun novo bono de calefacción que permita sufragar o gasto dos fogares durante o próximo inverno", anunciou a ministra.

Teresa Ribera subliñou no Congreso a vontade do Goberno de afrontar a reforma estrutural do mercado, da fiscalidade e do almacenamento enerxético.

"Non podemos seguir poñendo parches- advertiu- que acaban pasando factura".


 

Noticias web

20/09/2018