CRTVG

Buscar

Sánchez reitera o obxectivo de vacinación e que non prolongará o estado de alarma

Publicado o 14/04/2021 15:16

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este mércores a ampliación en tres meses das políticas de moratoria de alugueiro e suspensión de desafiuzamentos para colectivos vulnerables.

Durante a súa comparecencia no Congreso dos Deputados para presentar o Plan de recuperación, transformación e resiliencia, Sánchez anunciou que estas medidas excepcionais, que vencían o 9 de maio co fin do estado de alarma, se prorrogarán tres meses adicionais.

Ampliarase a posibilidade de solicitar moratoria ou condonación parcial da renda de alugueiro de vivenda cando o arrendador sexa un gran posuidor ou unha entidade pública, e tamén dos contratos que poidan acollerse á prórroga extraordinaria de seis meses nos mesmos termos en que se viña facendo.

O obxectivo do Goberno é vacinar con seguridade

Sánchez referiuse ao valor da ciencia para loitar contra o coronavirus e fixo unha referencia ás vacinas que se administran en España: "O 95,6 % dos maiores de 80 anos teñen polo menos a primeira dose da vacina e o 52,5 % ambas". O presidente do Goberno destacou que o 70 % da poboación estará vacinada este verán.

Lembrou que a previsión é a de recibir entre abril e xuño 38 millóns de doses de Moderna, Janssen, AstraZeneca e Pfizer e que o obxectivo é o de vacinar con seguridade.

A intención do Goberno é non prorrogar o estado de alarma

O presidente do Goberno reafirmouse en que a súa intención é non prorrogar o estado de alarma máis alá do 9 de maio, pero avisou de que "o éxito" da nova fase que se abrirá despois dependerá "da unidade de todos", da eficacia da "coordinación" de todas as administracións e da responsabilidade individual. "A intención do Goberno é non prorrogar o estado de alarma", defendeu durante a comparecencia no Congreso.

Sánchez defendeu que esta decisión de non prorrogar o estado de alarma responde, coma sempre, "ao saber dos expertos e os científicos". Así o asegurou, despois de que comunidades e partidos estean a pedirlle prorrogar esta ferramenta ou deseñar un plan xurídico alternativo. Segundo Sánchez, o 9 de maio será posible prescindir desta ferramenta porque a situación non é comparable á que existía cando se tivo que recorrer a ela o pasado 25 de outubro, grazas, sobre todo, ao avance da vacinación.

O líder do PP, Pablo Casado, reprochoulle que goberne sen negociar nada, dixo, pasando a responsabilidade ás comunidades, e pediulle un plan B inmediato para poder xestionar a pandemia cando decaia o estado de alarma .

Todos os grupos coincidiron na petición dun apoio xurídico para as comunidades a partir do 9 de maio.