CRTVG

Buscar

O Goberno acusa a Alcoa de pór "trampas" para non vender a fábrica de Cervo

Publicado o 03/06/2021 14:41

O secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, acusa a Alcoa de poñer "trampas" para non vender a planta de aluminio primario de San Cibrao, nun momento no que hai "polo menos" seis empresas interesadas en mercar a fábrica.

Segundo declarou aos medios, "Alcoa enroscouse nun proceso xurídico, poñendo o Goberno e a SEPI como escusa para non vender. Hai polo menos seis empresas interesadas na compra da planta, e para iso non é necesaria a triangulación nin a intermediación do Goberno".

Desde o seu punto de vista, a venda "pódese realizar con total normalidade dentro do marco xurídico e as administracións estarán, tanto o Goberno como a Xunta de Galicia, detrás desa operación, vixiando que se faga conforme ao marco xurídico e dando todas as garantías necesarias para que esa venda se produza".

Considera "absurdo e surrealista, e caemos de novo nas trampas que nos pon Alcoa, se todo se condiciona a respostas xurídicas e procesos de meses anteriores, cando agora hai un proceso claro de seis licitantes que queren mercar esa planta".

"O único que ten que facer Alcoa é vender e deixar paso a outro propietario, que teña licenza moral para operar en España", engadiu.

Na súa opinión, "a Alcoa acábaselle a licenza moral. Non podemos estar máis tempo, aguantando as trampas no proceso de venda de Alcoa e os seus procesos eternos de venda e de diálogo. Que venda, que o faga dentro do marco xurídico e que o proceso vaia adiante". Ao seu xuízo, será a mellor garantía para o persoal e para A Mariña.

"Non aceptamos a acusación de que os deixamos aos pés dos cabalos", engadiu, porque a planta "segue funcionando pola acción dos gobernos", dado que Alcoa perdeu o xuízo polo ERE, lembrou.

Alcoa di que iniciou conversas

Alcoa confirmoulle ao comité de empresa, na reunión de seguimento do proceso de negociación de venda, que xa "iniciou conversas cos candidatos remitidos polo Ministerio de Industria que expresaron interese en adquirir a planta".

Ambas as dúas partes acordaron, para manter a paz social, unha xuntanza cada quince días, coa participación de representantes da compañía, do Goberno de España, da SEPI, da Xunta de Galicia, do comité de empresa e dos sindicatos.

Pola súa banda, o comité de empresa vai comezar a vindeira semana os contactos con tres das seis empresas interesadas. Segundo o seu presidente, José Antonio Zan, necesitan coñecer os plans de futuro para a planta.

"Queremos saber os detalles industriais e, sobre todo, os enerxéticos porque precisamos que nos dean viabilidade para poder funcionar nos vindeiros vinte ou vinte e cinco anos", subliña.

Noticias web

03/06/2021