CRTVG

Buscar

O Goberno acorda con Cs medidas ante posibles brotes sen botar man do estado de alarma

Publicado o 12/06/2020 19:22

O Goberno está a consolidar a súa relación con C,s para a reconstrución do país pola crise da COVID-19, unha situación que se escenificou hoxe coa reunión da vicepresidenta primeira, Carmen Calvo, e unha delegación do partido, encabezada por Edmundo Bal, para avanzar nunha desescalada segura.

A reunión, que se celebrou na Moncloa durante dúas horas, é a primeira presencial que mantén o Executivo cun partido político desde que entrou en vigor o estado de alarma fai case tres meses e puxo de relevo o xogo que o Goberno quere dar a C,s no taboleiro da xeometría variable.

E Ciudadanos, nesta nova etapa dirixida por Inés Arrimadas, que se atopa de baixa por maternidade, está a rendibilizar os seus dez deputados reivindicándose como partido útil que só se move polo que é mellor para os españois.

Desde o centro político e distanciado dese escoramento á dereita que mantivo no último período de Albert Rivera, Ciudadanos recuperou o diálogo co Goberno e fíxoo insistindo en que cun problema da magnitude que causou o coronavirus "un non pode elixir non sentar", dixo Bal.

Por iso apoiaron as seis prórrogas do estado de alarma e o real decreto "de prevención, contención e coordinación", en cuxa preparación tamén colaborou o partido laranxa. Precisamente, a finalidade da cita que mantiveron este venres centrouse en analizar que medidas son necesarias para garantir unha saída segura do estado de alarma, incluíndo mecanismos para reforzar o sistema de saúde pública e protexerse ante posibles rebrotes da pandemia sen necesidade de recorrer á ferramenta constitucional do estado de alarma.

Saíron satisfeitos deste encontro, que se repetirá en xullo, valorando o compromiso do Executivo coas medidas de desescalada pactadas co seu partido: "Por agora o Goberno cumpre", asegurou o portavoz adxunto dos laranxas no Congreso. O Executivo tamén está a falar co resto de forzas políticas o apoio ao decreto de "nova normalidade", que se ten que validar no Congreso antes dun mes, e que, segundo explicou o ministro de Sanidade, Salvador Illa, foi sometido á consideración das comunidades autónomas, cuxas achegas, asegurou, foron recollidas no seu maior parte.

Mentres tanto, o PP, co que se dá por feito que Illa está igualmente conversando, carga contra o Executivo e advirte de que o momento de esixir responsabilidades pola xestión da pandemia está cada vez máis preto, sinalou o vicesecretario de Comunicación, Pablo Montesinos. Ademais, Montesinos queixouse de que o presidente, Pedro Sánchez, non acepta "a man tendida" do PP e que nin sequera chama o líder da oposición, Pablo Casado.

En todo caso, Sánchez ten practicamente despexado o camiño para sacar adiante o decreto que rexerá a chamada "nova normalidade" a partir do 21 de xuño, co apoio tamén dos seis escanos do PNV, a pesar de que non estaren cómodos co achegamento do Goberno a Cs. Unha aproximación que aceptan se se mantén como algo "circunstancial", pero que se houbese algo máis "dificultaría bastante as cousas", avisou o portavoz dos nacionalistas vascos, Aitor Esteban, xa que ambos partidos manteñen posicións antagónicas en cuestións que consideran fundamentais, como o concerto económico.

Con ERC, outro dos seus socios de investidura, complicouse a relación, entre outras cousas debido ao novo papel de Ciudadanos, e de feito o grupo independentista catalán pediu a semana pasada a Sánchez que elixise entre eles ou os laranxas para tecer alianzas. O partido independentista criticou o decreto polos criterios da repartición das axudas ás comunidades.

 

Noticias web

12/06/2020