CRTVG

Buscar

O Goberno considera anular o imposto da electricidade para baixar a factura

Publicado o 16/06/2021 14:40

A suba da luz continúa. Hoxe marca o terceiro prezo máis caro da historia. O megawatt está en 94,63 euros de media, un 4 % máis que onte. E moi preto dos 94,99 euros que alcanzou o 8 de xaneiro, o máximo anual ata o momento pola tormenta Filomena, segundo os datos do operador do mercado eléctrico.

Con esta situación, o recibo da luz de xuño será o segundo máis caro da historia, só superado no inverno de 2012, segundo os cálculos de FACUA. Nos primeiros quince días a factura encareceuse máis dun 45 %. E extrapolando eses datos ao conxunto do mes, prevén que o recibo media supere os 88 euros, 27 máis que o ano pasado.

O Goberno reiterara que a suba do prezo da enerxía é un problema estrutural que precisa unha reforma integral. Pero como iso levará tempo, a curto prazo abren a porta a suspender algún dos impostos que encarecen a factura, como xa fixeran hai 3 anos suprimindo seis meses o imposto de xeración eléctrica do 7 % ou o de hidrocarburos.

Foi o Partido Popular o que levou a problemática do recibo da luz ao Congreso. Lembran que está en máximos históricos e europeos e acusan o Goberno de non facer todo o que está na súa man para impedilo.

E din que os novos tramos horarios na tarifa da luz están baseados en informes solventes e que non teñen que ver coa suba do recibo.

"Reforma seria"

A ministra para a Transición Ecolóxica Teresa Ribera asegurou na Cámara que o Goberno traballa nunha "reforma seria da fiscalidade enerxética". Ademais, dixo que o executivo non descarta volver suspender "algún dos elementos fiscais, con carácter excepcional e provisional", para poder facer fronte a unha factura que se encareceu polo incremento do custo dos combustibles fósiles, dos que dixo que hai que ir desfacéndose.

Segundo explicou, a suspensión do imposto de xeración eléctrica e de hidrocarburos no 2018 supuxo un impacto de arredor do 4 % nas facturas domésticas.

A ministra tamén defendeu a reforma para  minorar os beneficios que están a obter as centrais non contaminantes anteriores a 2005 polos altos prezos dos dereitos de emisións de CO2. Apuntou que case o 90 % da electricidade que se produce en España non ten que pagar eses dereitos, pero si se beneficia do alto prezo que marcan as tecnoloxías que si os pagan, coma os ciclos combinados que utilizan gas como combustible.

Engadiu que esta ben que os investidores teñan rendibilidade, pero non é razoable que a transición cara un novo modelo enerxético "a paguen os máis débiles".

Noticias web

16/06/2021