CRTVG

Buscar

O Goberno abaratará o prezo das máscaras, ben pola redución do IVE ou pola do prezo de venda

Publicado o 10/11/2020 15:29

O Goberno abaratará o prezo das máscaras, ben pola redución do IVE ou pola do prezo de venda. Así o asegurou a voceira do Executivo tras a xuntanza do Consello de Ministros.

María Jesús Montero dixo que o Goberno se dirixiu á Comisión Europea para confirmar se vai ser posible a rebaixa do IVE deste produto, e engadiu que "propuxemos que na actual directiva en tramitación para reducir o IVE das PCR se incorpore tamén" a rebaixa do imposto das máscaras.

Engadiu que, se non é así, e grazas a que hai máis oferta no mercado, o abaratamento virá no prezo de venda. "Por unha fórmula ou outra", dixo, as máscaras serán máis baratas.

Montero destacou que "non hai ningún tipo de confusión" respecto da posibilidade de baixar o IVE ou non porque "o impide o regulamento europeo". 

O anuncio chega despois de que o Executivo rexeitase a proposta de Ciudadanos para diminuír o IVE deste produto sanitario argumentando que se deixarían de recadar máis de 1.500 millóns de euros en impostos. España é o un dos países europeos cun IVE das máscaras máis elevado. É do 21%. Países como Holanda ou Italia suprimírono e Portugal grava as máscaras ao 6%.