O Gastroforum de Santiago xira arredor da gastronomía con propósito
Cociñeiros de renome, estudantes e expertos da alimentación reúnense en Santiago na IV edición do Gastroforum. Este ano céntrase na gastronomía con propósito, que non é outro que dar coa receita para que a cociña galega sexa máis sustentable, a nivel ambiental, económico e social.
A Consellería de Cultura e Turismo organiza esta cita de formación en que cociñeiros galegos de sona están a impartir charlas e obradoiros coas súas claves para a sustentabilidade.
Claves como tirar da tradición, por exemplo, da sabedoría das avoas, que, tal e como vai amosar a cociñeira Lucía Freitas, eran quen de transformar as sobras en exquisitos manxares. Ou, outra das claves, aproveitar os produtos de proximidade, mesmo os máis humildes, como poden ser a cebola ou a cacheira do porco para facer pratos extraordinarios que marcan a diferenza e levan o nome da cociña galega ao máis alto.