CRTVG

Buscar

O gasto medio dos fogares rexistra un descenso histórico por mor da pandemia

Publicado o 29/06/2021 11:30
O gasto medio dos fogares rexistra un descenso histórico por mor da pandemia

Os fogares españois gastaron 26.996 euros de media en 2020, un 10,7 % menos que un ano antes, por causa do impacto da pandemia. É o maior descenso rexistrado dende que comezou a serie en 2006.

Segundo a Enquisa de Orzamentos Familiares publicada este martes polo Instituto Nacional de Estatística (INE), a cifra de 26.996 euros é tamén a menor da historia desta sondaxe.

Por categorías, e reflexo das restricións aplicadas para frear a pandemia, as maiores diminucións do gasto medio por fogar foron en restaurantes e hoteis (cunha caída do 40,5 %), lecer e cultura (reduciuse un 31,9 %), transporte (un 29,5 % menos) e vestido e calzado (o descenso foi do 28,8 %).

Fronte a estes retrocesos, só dous grupos aumentaron o gasto: alimentación e bebidas non alcohólicas, un 6,8 %, e vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustibles, cunha alza do 1,9 % respecto a 2019.

Por tipo de fogar, o maior descenso deuse nos fogares formados por unha parella sen fillos, un 13 % (máis de 4.000 euros en termos absolutos), mentres que os fogares unipersoais de 65 ou máis anos presentaron o menor retroceso, do 5,2 %, case 1.000 euros menos.

Gasto medio por persoa

No canto ao gasto medio por persoa, en Galicia situouse nos 10.293 euros. No conxunto do Estado, este parámetro rexistrou un descenso do 10,7 %, ata os 10.848 euros.

Por comunidades, as que maior gasto medio por persoa tiveron o ano pasado foron Euskadi, 13.289 euros; Madrid, con 12.873 euros, e Navarra, con 12.765. Pola contra, as Canarias, con 8.454 euros, e Castela-A Mancha, con 9.076 euros, rexistraron as cifras máis baixas.

O gasto medio por persoa no País Vasco foi un 22,5 % maior que a media nacional, mentres que o das Canarias situouse un 22,1 % por baixo desa media.

Noticias web

29/06/2021