CRTVG

Buscar

A pensión media galega mantense como a segunda máis baixa de España

Publicado o 25/05/2021 10:22

• O gasto estatal en pensións sobe un 3 % no mes de maio 

A pensión media galega mantense como a segunda máis baixa de España

A pensión media sitúase en Galicia nos 878,9 euros no mes de maio, de xeito que se mantén como a segunda máis baixa do Estado, só por riba de Estremadura (859,7 euros). Segundo os datos publicados polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, esta cifra supón un incremento de apenas oito céntimos respecto a abril.

Porén, en comparación con maio de 2020, rexistra unha alza do 2,37 %, lixeiramente superior á media de avance en España do 2,2 %. 

Os 878,9 euros da pensión media galega están 153,4 euros por baixo da media española, que é de 1.032,3 euros. Á cabeza sitúanse os 1.281 euros de Euskadi.

O número de pensionistas en Galicia ao 1 de maio é de 765.291, o que se traduce en preto de 1.800 máis que un ano antes. Sobre o total estatal, supoñen o 7,8 %.

En concreto, 69.949 persoas percibiron unha pensión por incapacidade permanente, que de media ascendeu a 901,7 euros. Mentres, 480.269 xubiladas recibiron unha prestación que se situou en 1001,91 euros.

Tamén 185.527 persoas percibiron unha pensión por viuvez, que se elevou a 623,79 euros; e 23.501, por orfandade, que se situou en 410,3 euros de media. Así mesmo, contabilizáronse 6.675 persoas que percibiron unha prestación en favor de familiares, que ascendeu a 534,3 euros.

A pensión media de xubilación galega tamén é a segunda máis baixa do Estado, con Estremadura á cola. É de 185 menos que a media (1.187,8 euros), e uns 456 euros inferior á de Euskadi (1.457,69 euros), a cifra máis alta entre comunidades.

Datos de España

A nómina mensual de pensións contributivas da Seguridade Social ascendeu a 10.154,14 millóns de euros en maio, cunha suba do 3,06 % respecto ao mesmo mes de 2020. En total, aboáronse 9.836.115 pensións contributivas, un 0,84 % máis que en maio do pasado ano.

A maioría de pensións, 6,15 millóns, foron de xubilación, seguidas polas de viuvez, 2,35 millóns, e tras elas as de incapacidade (947.910), as de orfandade (341.846) e 46.332 a favor de familiares.

De media, a pensión situouse en 1.032,33 euros mensuais, un 2,20 % máis que hai un ano, con 423,93 euros de diferenza entre homes (1.253,38 euros) e mulleres (829,45 euros).

Por tipos, a pensión media de xubilación ascendeu a 1.187,8 euros mensuais, un 2,34 % máis que o ano pasado; mentres que a pensión media de viuvez foi de 739,19 euros ao mes, un incremento do 2 %.

Novas altas

Canto ás novas altas de pensións de xubilación, a media mensual foi de 1.349,57 euros e alcanzou os 1.467,60 euros no caso do réxime xeral. Nos catro primeiros meses do ano déronse de alta 207.498 novas pensións e de baixa 184.270.

Os datos facilitados indican que máis de dous terzos da nómina de maio, 7.303,07 millóns, destináronse ao aboamento das pensións de xubilación, cunha alza do 3,60 % nos últimos doce meses. A pensións de viuvez destináronse 1.740,52 millóns, un 2,46 % máis que en maio de 2020.

A nómina das prestacións por incapacidade permanente situouse en 942,06 millóns de euros, unha repunta do 0,20 %. A de orfandade supuxo 142,38 millóns, un 2,28 % máis, e as prestacións en favor de familiares, 26,12 millóns de euros, un 3,18 % máis.

Noticias web

25/05/2021