CRTVG

Buscar

O galego Ángel Carracedo liderará o maior programa de medicina xenómica de España

Publicado o 30/12/2020 21:31
O galego Ángel Carracedo liderará o maior programa de medicina xenómica de España

O director do grupo de medicina xenómica do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), Ángel Carracedo, coordinará desde Santiago o programa de medicina xenómica, un dos tres financiados na Infraestrutura de Medicina de Precisión asociada á Ciencia e Tecnoloxía (IMPaCT) da Acción Estratéxica en Saúde 2017-2020 do Instituto de Saúde Carlos III.

O programa, dotado con 7,25 millóns de euros, contempla a creación dunha rede de secuenciación de nova xeración de altas capacidades en todo o Estado asociada a unha estrutura que permita desenvolver tres proxectos piloto sobre enfermidades raras, cancro e farmacoxenética de biomarcadores de resposta a tratamentos en cancro e enfermidades psiquiátricas.

Carracedo mostrouse "moi ilusionado" con este proxecto, que "marca o camiño presente e futuro do desenvolvemento da medicina personalizada de precisión en España", xa que, lembrou, o medicina xenómica permite "facer diagnósticos, identificar os mellores tratamentos e deseñar estratexias de prevención".

O obxectivo do Programa IMPaCT sobre Medicina Xenómica é crear unha forte estrutura colaborativa para a implementación da medicina xenómica en coordinación co Sistema Nacional de Saúde. Deste xeito, os pacientes de todas as Comunidades Autónomas poderán acceder "con equidade e tempos adecuados de resposta" a todas as probas xenómicas que sexan precisas para mellorar a súa saúde, ao mesmo tempo que se obteñen datos xenómicos que poderán ser utilizados en investigación.

O programa contará cunha rede de cinco centros de referencia de análise xenómica e un grupo de expertos clínicos. En total, participarán 45 grupos de 38 centros -25 hospitalarios e trece de centros de investigación ou universidades- con representación de todas as comunidades autónomas.

Ademais, este programa coordinarase con iniciativas internacionais como o proxecto europeo 1+ Million Genomes, o Consorcio Internacional de Investigación en Enfermidades Raras (IRDiRC) e o Consorcio Internacional do Xenoma de Cancro (ICGC).