CRTVG

Buscar

O G20 remata cun acordo de mínimos sobre comercio e cambio climático

Publicado o 01/12/2018 21:25

O cumio do G-20 vai rematar en Bos Aires coa evidencia das numerosas diferenzas entre as grandes potencias sobre globalización e proteccionismo.

Tratábase de "salvar os mobles" e os participantes chegaron a un acordo de mínimos, que se centra no futuro do comercio e no cambio climático. En primeiro lugar, hai consenso en reformar a Organización Mundial de Comercio para que, polo menos segundo o papel, sexa o lugar onde se diriman as diverxencias comerciais como as que existen agora entre os Estados Unidos e a China arredor da guerra arancelaria. Canto ao cambio climático, as boas palabras quedaron mediatizadas pola decisión de Donald Trump de impoñer un parágrafo no que reitera a súa decisión de saír do Acordo de París.

Aínda así, Pedro Sánchez considera que o cumio ten un "extraordinario valor" e destacou o papel integrador da Unión Europea. Grazas a un pedimento explícito de España, o G-20 comprométsee a manter en observación os problemas relacionados coa migración e os refuxiados sen máis concrecións.

Avanzada a tarde, a directora do FMI, Christine Lagarde facía un chamamento para a redución das trabas arancelarias. Ese é precisamente un dos maiores desafíos da economía global que nin os Estados Unidos nin a China parecen dispostos a resolver.

 

Noticias web

01/12/2018