O futuro dos duques de Sussex decídese nunha xuntanza da familia real británica
A raíña Isabel citou en Sandringham o príncipe Henrique, o seu irmán Guillerme e o seu pai, Carlos de Inglaterra, a unha xuntanza en que Meghan Markle podería intervir por videoconferencia desde O Canadá.
Canda asesores e unha secretaria que tomará nota de todo, tentarán canalizar a crise aberta na coroa británica polos duques de Sussex, ao renunciar ás súas obrigas coa monarquía e mudarse a América do Norte.
Sobre a mesa, cuestións como a seguridade e as finanzas da parella.
Dos cen millóns de euros de orzamento da Casa Real deixarán de percibir os cinco que lle corresponden.
Seguramente tamén terán que renunciar á porcentaxe actual do ducado de Cornualles, a ampla carteira de propiedades e investimentos do príncipe Carlos, que non parece disposto a darlles un cheque en branco.
O patrimonio de Henrique ascende aos 30 millóns de euros legados pola súa nai e a súa bisavoa.
Para a independencia financeira que buscan deben pechar flocos nos gastos. Só a súa seguridade supón seiscentos mil euros ao ano.
A raíña quere poñerlle límites ao que poidan facer para gañar a vida, iso si, evitando a todo custo a sensación de que se estea castigando a parella.