CRTVG

Buscar

O furacán Ida causa polo menos unha morte nos EUA e deixa ás escuras Nova Orleáns

Publicado o 30/08/2021 08:38

O furacán Ida está arrasando o sueste de Estados Unidos. Tocou terra cunha intensidade de categoría 4, con vento superior aos 240 km/h pero, nestes momentos, xa baixou de categoría. Ao seu paso polo estado de Lousiana deixou máis de 800.000 fogares sen luz. Unha persoa morreu pola caída dunha árbore.

Ida tocaba terra en Lousiana e Misisipi, con vento de ata 241 km/h, rozando a categoría 5. Preto dun millón de persoas sufriron cortes de luz e houbo inundacións en moitas localidades. O gobernador de Lousiana xa advertía de que era a maior tormenta á que se enfrontaran nunca.

Con especial angustia esperábase o impacto de Ida en Nova Orleáns, porque coincidía co aniversario do desastre do ciclón katrina, que deixara en 2005 máis de 1.800 mortos.

Cando pasou pola cidade, a máis grande do estado, xa baixara de categoría e o vento era duns 175 km/hora. Pero tamén baixou de velocidade e iso faino máis perigoso porque avanza máis lento, a uns 17 km por hora, e descarga máis auga e o vento impacta durante máis tempo.

A maior preocupación son os diques que protexen do lago Pontchartrain, que foran os que romperan e inundaran a cidade hai 16 anos por estas mesmas datas. Polo momento, toda a cidade quedou sen subministración eléctrica e a Casa Branca xa declarou o estado de Luisiana como zona demaior desastre.

O Centro Nacional de Furacáns alertou de marexadas catastróficas e ventos furacanados na zona costeira de Luisiana, que podería deixar a zona "inhabitable por semanas ou meses".

A primeira vítima mortal produciuse nunha localidade a uns 65 quilómetros ao noroeste de Nova Orleans. Foi un home de 60 anos ao que lle caeu enriba unha árbore.

Noticias web

30/08/2021