CRTVG

Buscar

O fiscal sostén que o rei Xoán Carlos I cobrou comisións internacionais

Publicado o 03/09/2021 08:53

• A defensa do monarca di que a Fiscalía o acusa sen fundamento

• Le aquí o comunicado do avogado do rei Xoán Carlos I  

 

EFE

A Fiscalía do Tribunal Supremo explicou que as autoridades suízas deben "confirmar ou descartar" os "indicios de criminalidade" contra o rei Xoán Carlos I que aprecia nas súas dilixencias de investigación e que incluíu na comisión rogatoria dirixida ao país helvético.

O Ministerio Público emitiu un breve comunicado tras a publicación dunha información este venres no diario El Mundo que sinala que Xoán Carlos I cobrou "comisións e outras prestacións de similar carácter en virtude da súa mediación en negocios empresariais internacionais".

A Fiscalía lembra que ten abertas tres dilixencias de investigación referidas ao rei emérito: unha pola cobranza de 65 millóns de euros por presuntas comisións das obras do tren de alta velocidade Medina-A Meca, outra sobre se recibiu doazóns non declaradas e unha terceira respecto de se ocultou fondos en paraísos fiscais.

Simultaneamente, Facenda inspecciona as dúas regularizacións fiscais realizadas por Xoán Carlos I. No marco desas dilixencias, a Fiscalía remitiu unha comisión rogatoria ás autoridades xudiciais suízas, cuxa resposta servirá para "confirmar ou descartar eses indicios ou mesmo abrir outras vías de investigación".

O Ministerio Público explica que a dita solicitude contén "todos aqueles indicios de criminalidade dispoñibles" polos fiscais do Supremo "acompañados por unha inicial e provisional cualificación xurídica dos feitos". Pero quere deixar claro que non estamos "ante un ditame, petición de procesamento ou conclusións do fiscal, senón no marco dunha solicitude de información" na que "simplemente se detallan os posibles ilícitos que son obxecto de investigación".

El Mundo tivo acceso á comisión rogatoria librada polo tenente fiscal do Tribunal Supremo Juan Ignacio Campos ás autoridades suízas, que, entre outras cousas, manteñen aberta unha investigación sobre a fundación Zagatka, creada en 2003 por Álvaro de Orleans-Borbón, parente de Xoán Carlos I, quen lle sufragou gastos de voos privados.

O rei Xoán Carlos permanece desde hai un ano en Abu Dhabi tras marchar de España polos seus presuntos negocios irregulares no estranxeiro, que a Fiscalía do Tribunal Supremo segue investigando por se puido cometer algún delito, unha vez que deixou de ser inviolable cando abdicou en xuño de 2014. 

El Mundo sinala que a Fiscalía do Tribunal Supremo dispón de "elementos indiciarios de que os fondos que son obxecto de investigación" teñen, entre outras, a referida procedencia ilícita. Neste sentido, engade, investiga a posible comisión de delitos de "branqueo de capitais, contra a Facenda pública, suborno e tráfico de influencias". 

A defensa de Xoán Carlos I di que a Fiscalía o acusa sen fundamento

A defensa do rei Xoán Carlos denunciou que as imputacións contidas na comunicación da Fiscalía ás autoridades suízas e nas que se aprecian "indicios de criminalidade" contra o rei emérito realízanse "sen apoio ningún e son carentes da máis mínima xustificación". Nun comunicado, o avogado Javier Sánchez-Junco afirma que tales afirmacións "conculcan de maneira evidente o principio de presunción de inocencia que ampara a todo cidadán", xa que se traslada á opinión pública "valoracións e consideracións que prexudican gravemente" o anterior xefe do Estado.

"Nesa comunicación ás autoridades suízas contéñense graves afirmacións e imputacións de condutas que se realizan, ao noso xuízo, estando contraditas por outros feitos dos que nada se di", denuncia. Subliña o avogado que a dita solicitude de asistencia xudicial non é pública, polo que, quitadas as autoridades destinatarias desta, unicamente debería estar en coñecemento da Fiscalía, "cuxas actuacións son reservadas", sen que lle conste ao avogado que fosen comunicadas a parte ningunha do procedemento.

A defensa do rei emérito lembra, ademais, que as ditas informacións se refiren, ao parecer, a unha solicitude de asistencia xudicial internacional en materia penal remitida ás autoridades suízas hai case sete meses polo fiscal instrutor das dilixencias de investigación que se seguen na Fiscalía do Tribunal Supremo. 

Marlaska cualifica de "preocupantes" as noticias sobre o rei

O ministro do Interior, Fernando Grande- Marlaska, cualificou de "preocupantes" as noticias que ultimamente se están difundindo sobre o rei Xoán Carlos I: "Estamos a recibir noticias preocupantes que non nos gustou ter que recibir, pero estamos nun Estado no que todo ten que ser coñecido e todo debe ser investigado", dixo o titular de Interior. E engadiu: "Deixemos que a Fiscalía actúe e tome as medidas necesarias e precisas que estime oportunas, se analicen os feitos e se determinen as consecuencias que procedan".

Grande- Marlaska insistiu en que "estamos nun Estado de dereito e para que unha democracia funcione todos os poderes deben funcionar de forma independente e eficaz". Lembrou que se trata dunha investigación que está a dirixir a Fiscalía e manifestou que espera que "chegue ata o final para esclarecer os feitos". "É o que todos os cidadáns esiximos nun Estado de dereito", concluíu. 

 

 

Noticias web

03/09/2021