CRTVG

Buscar

O fiscal pide catro anos para o maquinista do Alvia e para o responsable do Adif porque a liña "non era segura"

Publicado o 19/05/2021 17:50
O fiscal pide catro anos para o maquinista do Alvia e para o responsable do Adif porque a liña "non era segura"

O fiscal Mario Piñeiro pide que se dite auto de apertura de xuízo oral contra o maquinista Francisco Garzón Amo e o exdirector de seguridade na circulación do Adif Andrés, Cortabitarte López, como acusados pola traxedia do tren Alvia, accidente que ocasionou 80 mortes e 145 feridos hai case oito anos no barrio compostelán de Angrois.

No seu escrito de acusación, con data de entrada do pasado 5 de maio e ao que tivo acceso Europa Press, o representante do Ministerio Público pide catro anos de prisión para cada un deles, ao atribuírlles 80 delitos de homicidio e 145 de lesións por imprudencia profesional grave. O competente para o seu axuizamento é o Xulgado do Penal e recentemente o TSXG sinalou o primeiro trimestre de 2022 como o momento en que poderá empezar o procedemento.

Neste contexto, Fiscalía atribúe ao maquinista unha "conversa extensa e relativa a unha circunstancia que non implicaba urxencia", motivo polo que iniciou tarde a freada antes da curvaPero pon o foco en Adif e no que era o seu responsable de seguridade na circulación, hoxe en día aínda nun posto de libre designación na empresa pública dependente do Ministerio de Transportes. "Tiña que garantir que a liña era segura" e "non o era", sostén.

A xuízo de Fiscalía, "procede impor a cada un dos acusados as penas de catro anos de prisión coas accesorias de inhabilitación especial para o dereito de sufraxio pasivo durante o tempo da condena". Ademais, para Garzón expón a inhabilitación especial para a profesión de maquinista de ferrocarrís por tempo da condena e para Cortabitarte López a inhabilitación especial para o exercicio de "calquera profesión que implique xestión, seguridade ou responsabilidade en infraestruturas ferroviarias polo tempo da condena".

"O tráxico accidente non sucedería se o Adif, máis concretamente a Dirección de Seguridade na Circulación e o acusado Cortabitarte López, se avaliaran e xestionaran o risco de exceso de velocidade no tramo do accidente", asevera. "A fonte do risco existente no punto do accidente, a fronteira da LAV082, a súa integración coa liña convencional, o cambio significativo de velocidade, a curva, o exceso de velocidade e o erro humano forman un conxunto de risco único nesta curva, que a fan alternativamente vulnerable e perigosa ante o fallo humano", engade.

Así, Mario Piñeiro entende que "esta fonte de risco debeu ser evitada polo imputado cun deber positivo de actuación, tal e como se fixo con posterioridade ao accidente". Pero reproba que "nin se avaliou nin se xestionou para convertelo nun risco tolerable, establecendo unha elemental barreira de protección ante o previsible fallo do maquinista no tramo do accidente, único punto da vía onde existía o problema do control do exceso de velocidade".

 A plataforma de vítimas do accidente do tren Alvia esixe de novo á presidenta do Adif, Isabel Pardo de Vera, que cese o cargo para o que Fiscalía pide catro anos de cárcere por non efectuar unha avaliación e xestión do risco na liña, que, segundo o Ministerio Público, "non era segura". En declaracións a Europa Press, o presidente da plataforma, Jesús Domínguez, incide en que o escrito de acusación do fiscal chama a atención sobre que "se daban todas as circunstancias" nesa liña e nesa curva --a da Grandeira-- "para que houbese o accidente".  

 

Noticias web

19/05/2021